Galicia

O SLG alerta do forte impacto da seca en sectores como o viño, a pataca ou a horta, amais dos gandeiros

Os servizos técnicos do Sindicato Labrego Galego (SLG) veñen de facer unhas primeiras estimacións das perdas económicas que a seca está a causar nos principais sectores agrogandeiros de Galicia. Segundo os mesmos, a  situación é alarmante, xa que amais das abondosas perdas que están a sufrir as explotacións de vacún, tanto as de leite como as de carne, habería que engadir o impacto que a falla de precipitacións está a ter en sectores agrarios estratéxicos para moitas comarcas galegas como o viñedo, a pataca ou a horta”.

Por exemplo, indica o SLG, no sector vitivinícola estase notando moito a seca de cara a sacar para adiante a plantacións novas de vide, pois non poden prosperar sen rega, e o custe de regar unha hectárea de viñedo rolda os 300 €. Por outra banda, as vides que están en plena produción, poderían ver minguada a colleita final entre un 40% e un 50% se continúa sen chover. “Se tomamos como exemplo unha explotación vitícola do Ribeiro, cunha produción de 12.000 quilos de uva por hectárea de variedades preferentes, estariamos a falar dunhas perdas de 4.000 € por hectárea”, salienta o sindicato.

Nos que se refire á pataca e á horta, estanse temendo que se repitan as fortes perdas económicas que tiveron na campaña pasada debido á seca. “Neste 2012, aínda non se fixo a sementeira da pataca e estamos en época de plantar en horta, polo que aínda non podemos falar de perdas importantes”. Mais, de persistir a seca, en comarcas como a Limia terían que incrementar o uso dos sistemas de regadío, que supoñen un gasto adicional de gasóleo ou electricidade de 150 € por hectárea; isto supón un aumento dos custes de produción duns 2.250 € para unha explotación de 15 hectáreas, e duns 5.000 € para unha de 30 hectáreas. En canto ao sector hortícola, “se nos atemos ao acontecido coa seca do ano pasado, as perdas supuxeron unha caída da produción entre o 20% e o 30% en cultivos como a cebola ou a pataca temperá”. Polo de agora, as explotacións están atrasando a época de plantío en espera da choiva. Pero, “de seguir o tempo seco como ata o de agora, teremos que agardar importantes perdas económicas como aconteceu o ano pasado”.

En canto á gandeiría, as explotacións de vacún están padecendo aínda o impacto da seca do ano pasado, pois impediulles fornecerse de forraxes propias e tiveron que mercalas fóra. Agora mesmo, hai explotacións que ás que se lles remataron todas as existencias de forraxe e están a comprar o 100% da alimentación para o seu gando. Respecto aos gastos que isto ocasiona, varían case día a día, pois o prezo da forraxe se está a disparar debido á seca.

De cara a cuantificar as perdas, pódese ver con estos exemplos:

Unha explotación láctea que merque as racións para o seu gando fóra, está a gastar, a día de hoxe, unha media de 7 € diarios por vaca en produción, e entre 4 e 5 € para vacas secas. “Se disto facemos unha media de gasto duns 6 € por vaca, unha explotación de 100 unidades de gando maior (UGM) está a gastar agora, só en alimentación, en torno a 18.000 € mensuais. E a situación empeorará, pois non se prevé poder facer a primeira colleita de silo”.

Para unha explotación de vacún para carne, a herba seca que adquire fóra, que habitualmente é dunha calidade paupérrima, está entre 45-50 € o rulo. Sumándolle os concentrados para facer unha porción equilibrada, encarece; polo que neste sector moitas explotacións están a alimentar as súas reses con mesturas para vacas secas de leite, gastando unha media de 4 euros por vaca e día. Agora mesmo, unha explotación de carne con 80 UGM estaría gastando en torno a 300 € diarios / 9.000 € ao mes.

Estes prezos increméntanse día a día, xa que a escalada de prezos dos carburantes encarece o transporte, e o aumento constante da demanda fai que suba o prezo da forraxe.

O Sindicato Labrego Galego, fai un chamamento á Consellaría de Medio Rural para que, neste 2012, “non se volva repetir a súa vergonzosa inoperancia diante da seca do ano pasado, na que non moveron un dedo nin puxeron nin un céntimo diante das fortes perdas que sufriron todos os sectores agrogandeiros do noso país”. E para iso, piden que reúna con carácter de urxencia ao sector de cara a avaliar as perdas que están sufrindo as explotacións e para artellar políticas e medidas concretas que palíen, na medida do posible, os danos que cause a seca na presente campaña.

 

También te puede interesar