Galicia

A CIG preparará a Folga Xeral con UGT e CCOO…pero fará unha manifestación en solitario

O secretariado confederal da Confederación Intersindical Galega (CIG), reunido este martes, decidiu pórse de acordo con CCOO e UGT para coordinar todo o traballo previo á folga xeral e o do propio día 29 de marzo, para garantir o máximo éxito posíbel da convocatoria. Xunto a isto, acordou emprazar a CCOO e UGT a ter unha unidade, pola base, nas empresas, nos centros de traballo e nos convenios colectivos para inviabilizar a posta en marcha da reforma laboral. Respecto das mobilizacións que se convocarán durante a xornada de folga xeral, o secretariado confederal decidiu celebrar manifestacións propias o día 29.

O secretariado confederal coincidiu na necesidade de manifestar a satisfacción da central sindical por facer coincidir a data da convocatoria de folga xeral, no día 29 de marzo, co obxectivo de obrigar ao goberno a retirar a reforma laboral.

Alén diso, aclara que a CIG non está por “dulcificar” a reforma, porque non vai axudar a crear emprego. Para a central sindical, a única xustificación que hai detrás da mesma é facilitar o despedimento; desregular o mercado laboral e incrementar os beneficios empresariais a custo de rebaixar os salarios e precarizar as condicións laborais.

Para a central sindical, a única alternativa é a retirada da reforma e a esixencia de que se poñan en marcha políticas económicas e sociais que garantan a creación de emprego e a mellora dos servizos públicos.

 

También te puede interesar