RGPD - Cookies
Ciencia y Tecnología

Técnicos galegos presentarán en Londres unha ferramenta clave contra a contaminación mariña

Técnicos do Centro Tecnolóxico do Mar (CETMAR), Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia (INTECMAR) e máis de Gardacostas de Galicia, participan na Conferencia Internacional Interspill, que se celebra en Londres do 13 ao 15 de marzo, co fin de expoñer os resultados acadados no proxecto ARCOPOL. Galicia presentará alí unha ferramenta “web” desenvolvida no INTECMAR, que dota de maior operatividade e fai máis eficaces os Sistemas de Información Xeográfica (SIX), en situacións de emerxencia por contaminación mariña accidental.

A ferramenta desenvolvida polo INTECMAR consiste nun “interface web” que, a través de protocolos de intercambio estándares, é capaz de integrar nun mapa interactivo información xeográfica de moi distinta índole e procedencia. Desta maneira, a información xeográfica que nunha situación de crise por contaminación mariña accidental necesita ser cartografada –como por exemplo a liña de costa, a batimetría, os bancos marisqueiros, os caladoiros, os ventos, as correntes, a posición dos barcos que interveñen no operativo, ou a situación das manchas contaminantes- ponse ó dispor dos responsables de encarar a emerxencia, para así poder combatela do mellor xeito posible.

ARCOPOL (Atlantic Regions Coastal Pollution Response) é un proxecto no que participaron 12 organismos de 5 países (Irlanda, Reino Unido, Francia, España e Portugal) que, coordinados polo CETMAR, desenvolveu sete diferentes liñas de traballo, con obxecto de mellorar as capacidades das autoridades locais e rexionais, na preparación, resposta e mitigación da contaminación mariña accidental producida por hidrocarburos, sustancias nocivas e potencialmente perigosas, e inertes, que puideran darse na fachada atlántica, acadándose resultados moi útiles, como ese servizo “web” que Galicia presenta na conferencia de Londres.

ARCOPOLplus

Coincidindo coa presentación de ARCOPOL en Londres, a representante do CETMAR dará conta tamén da posta en marcha de ARCOPOLplus, proxecto que da continuidade aos traballos iniciados co anterior ao longo de 2012 e 2013. O seu obxectivo é seguir avanzando no aumento da seguridade marítima e da protección das costas atlánticas e dos recursos que nelas se producen, fronte a episodios de contaminación mariña accidental, causados por hidrocarburos ou por sustancias nocivas e potencialmente perigosas, a través da transferencia de tecnoloxía, da formación e da innovación.

ARCOPOLplus  está sendo desenvolvido por un consorcio formado por socios de catro países (Reino Unido, Portugal, Irlanda e España), onde están amplamente representadas as autoridades competentes a nivel local e rexional, así como os centros de investigación. Trátase dun proxecto financiado polo Programa Transnacional Espazo Atlántico e conta cun presuposto de 1,9 millóns de euros.

A conferencia Interspill

Interspill é unha feira-conferencia organizada cada tres anos pola Industria Europea de Verteduras; a Asociación Mundial da Industria do Petróleo e o Gas, para Asuntos Sociais e Ambientais (IPIECA); e a Axencia Europea de Seguridade Marítima (EMSA), que conta co apoio da Organización Marítima Internacional (OMI); dos Fondos internacionais de indemnización de danos debidos á contaminación por hidrocarburos (FIDAC); a Federación Internacional de armadores de petroleiros para a contaminación (ITOPF); e máis do Centro  de Documentación, Investigación e Experimentación sobre a Contaminación Accidental das Augas (CEDRE); e que constitúe o evento de maior relevo sobre contaminación mariña accidental, producida por derrame de hidrocarburos.

 

También te puede interesar