Galicia

+Galiza, ser ou non ser no BNG

Máis Galiza decide este domingo sobre a súa permanencia no BNG nunha asemblea na que poderán votar todos os militantes, incluídos os que xa se deron de baixa da formación frentista, despois de que non prosperase a emenda impulsada pola bisbarra de Vigo e coa que se pretendía impedir esta situación.

Así, esta corrente que tamén este domingo sentará as bases para converterse en partido político, unha decisión que comparten tanto os partidarios de abandonar a fronte nacionalista como os contrarios a facelo, chega á asemblea dividida.

Mentres que as xuventudes e ata 30 membros do actual Consello Político, apostan por deixar o BNG,  o seu actual líder, Carlos Aymerich, alcaldes como o de Monforte, Severino Rodríguez, ou destacados membros como Ana Luisa Bouza, defenden continuar na organización.

Ademais, por un lado, militantes de base de +Galiza das diversas bisbarras galegas impulsaron unha proposta na que defenden a continuidade desta corrente no seo do BNG “por coherencia e por responsabilidade”, recordando que esta corrente naceu “para transformar” a formación frentista e “impulsar unha nova etapa de cooperación“.

Pola súa banda, os favorables á escisión, apostan por saír da organización “sen desbotar a posibilidade de establecer futuras alianzas que poidan considerarse útiles para alcanzar os obxectivos comúns, e por nomear unha comisión para realizar “os contactos pertinentes con outras organizacións políticas co obxectivo de avaliar a pertinencia de confluír electoralmente” con elas, ante un posible adianto electoral.

También te puede interesar