Galicia

O Servizo Xurídico on line para mulleres vítimas de violencia machista rexistrou 115 consultas nos pasados sete meses

O servizo xurídico online para mulleres e vítimas de violencia de xénero, posto en marcha o pasado mes de outubro, rexistrou neste periodo un total de 115 consultas. Accesible a través da web www.igualdade.xunta.es, ten como obxectivo dar unha resposta áxil, persoal e gratuíta e salvar as reticencias que se producen en moitos casos á hora de solicitar presencialmente asesoramento sobre violencia de xénero.

Por provincias, o maior volume de consultas procede da Coruña con 54, seguida de Pontevedra con 39, Lugo con 10 e Ourense con 7, ás que se engaden 5 realizadas dende outras comunidades autónomas.

Por tramos de idade, as persoas de 26 a 45 anos representan o 64% das usuarias. O 41% das consultantes son persoas con estudos universitarios e, por temática, encabezan as entradas as relacionadas co acceso á asistencia xurídica gratuíta, seguidas por asuntos relacionados coa conciliación familiar e co dereito de familia.

O servizo xurídico online ofrece resposta en tempo real a consultas sobre lexislación, violencia de xénero, conciliación, dereito de familia, agresións ou acoso sexual, entre outras, asegurando a confidencialidade.

A través deste servizo, as mulleres dispoñen dunha plataforma para acceder a información e asesoramento sobre os seus dereitos, que facilite a adopción das decisións máis axeitadas en cada momento. En numerosos casos, as mulleres inmersas en entornos de violencia de xénero descoñecen os dereitos que as asisten, ignoran como abordar a interposición dunha denuncia ou que unha correcta exposición dos feitos e dos fundamentos de dereito ao longo de todo o proceso é determinante para unha resposta xudicial máis efectiva.

As consultas online poden ser complementarias ás que se realicen de xeito presencial nos 80 Centros de Información ás Mulleres, CIM, nas catro provincias galegas, garantindo tamén o anonimato e a confidencialidade da muller.

 

También te puede interesar