Galicia

A Policía Autonómica reforzará a loita contra o lume e o furtivismo con 80 novos axentes

A Policía Autonómica reforzará a investigación dos incendios e a loita contra o furtivismo coa chegada de novos axentes antes do verán, segundo explicaron hoxe o director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, e o comisario xefe da Policía Autonómica, José Antonio Villar, que presentaron en rolda de prensa o plan de actuación do corpo para este ano 2012.

A chegada de 80 novos axentes antes do verán, tras acadarse un acordo co Goberno central, permitirá reforzar áreas clave na actividade da Policía Autonómica, que xa se viñan priorizando nos últimos exercicios e que agora recibirán un novo impulso. Así, está previsto que se creen novos grupos de intervención que se ocuparán das tarefas de investigación permanente, tanto en incendios como en furtivismo, aumentando as patrullas de campo en todo o territorio para a prevención e control dos incendios forestais.

Ademais, outra das actuacións que permitirá a chegada de novos efectivos será incrementar nun 50% o persoal dedicado a funcións de investigación situado na sede central de Santiago, que pasará a contar con máis de 30 efectivos, o que permitirá desprazar a calquera punto de Galicia un grupo especializado en investigación.

Así mesmo, está previsto que se cubran todas as prazas vacantes en todas as sedes, de tal xeito que polo menos haxa un mínimo de 45 axentes en cada sede. Outras das áreas que sairán reforzadas co incremento de persoal serán a da loita contra a violencia de xénero, onde outro avance previsto para este ano é poder contar con acceso aos programas informáticos policiais de control e seguimento da violencia de xénero.

A todo isto súmanse outras actividades que a Policía Autonómica ten entre as súas competencias, como son as investigacións medioambientais; a labor en relación á sanidade animal, caza e pesca fluvial; a área de seguridade e intervención; e a investigación en materia de menores e familia.

O pasado 14 de febreiro o conselleiro de Presidencia e o delegado do Goberno en Galicia, Samuel Juárez, mantiveron un encontro no que avanzaron que a Policía Autonómica verá incrementado o seu cadro de persoal en 80 novos axentes antes do verán e que o obxectivo e chegar aos 500 efectivos nos vindeiros meses. Coa chegada dos 80 primeiros axentes, a unidade chegará aos 430 efectivos, o máximo histórico que tivo a Policía ao longo dos seus vinte anos de funcionamento.

Loita contra os incendios

No que vai de ano, a Policía Autonómica suma xa 33 persoas postas a disposición xudicial por causas relacionadas cos incendios forestais; o que supón case once veces máis que ano pasado a estas alturas, cando había tres detidos por este motivo.

 

También te puede interesar