Deportes

Tomás Currás, demostrou ter un prometedor futuro no mundo do tenis

 

O tenista vigués conseguiu superar seis fases nun Torneo Internacional celebrado en Francia, demostrando que ten un prometedor futuro por diante.

Tomás Currás, participaba fai uns días no torneo para categoría alevín “Open Super 12”, que se disputou na cidade francesa de Auray e que é considerado como un dos torneos máis importantes do Circuíto Internacional xunto co “Orange Bowl” de Miami, xa que ambos acollen aos máis destacados xogadores de todo o mundo.

O mozo vigués víase obrigado a disputar inxustamente a fase previa do torneo xa que, malia ser o nº1 de España na súa categoría, a organización do torneo concedeu soamente dúas prazas para a fase final e eran tres os xogadores españois, sendo os outros dous os seleccionados co asesoramento dun adestrador da RFET.

Lamentablemente ambos se deron de baixa no último momento, deixando o cadro final sen españois, algo inaceptable nun torneo internacional. Malia as distintas dificultades Tomás e o seu adestrador esforzáronse ao máximo para conseguir a dura tarefa de pasar unha fase previa que, nunha categoría na que non hai un ránking internacional establecido, convértese en moitos casos nunha batalla ao azar entre deportistas de moi distinto nivel.

Tras pasar a primeira rolda por bye e vencer en segunda rolda ao xogador local Solal Dia por 6/0 6/2, tivo que enfrontarse ao ganador do torneo internacional “Ouatt Kids Cup” o francés Thomas Feist, ao que venceu por 6/2-6/2 para finalmente, na cuarta e definitiva rolda vencer a Arnaud Allayous, tamén francés, por 6/2 6/2.

Currás arrincaba na fase final cunha vitoria contra o francés Lucas Grandouiller,  por 6/2 6/3 pero na segunda rolda o obstáculo foi insuperable, Rayane Roumane, un francés que venceu a Tomás principalmente por desenvolvemento físico, desembocando o partido nun 6/3 6/2, que non deixou opcións no marcador para darlle a volta en ningún momento, pero deixando claro a gran valía e o futuro desta figura do tenis galego. Xogadores da talla de Rafa Nadal, Amélie Mauresmo, Olivier Rochus, Justine Henin-Hardenne, Kim Clijsters, Paul-Henri Mathieu, Richard Gasquet ou Dinara Safina formaron parte do cadro final deste torneo desde a súa primeira edición en 1985, o que sen dúbida fai maior si cabo a actuación de Tomás.

 

 

También te puede interesar