Galicia

Acordo entre a FundaciónIlla de San Simón e a arxentina Fundación Findeu, para a realización de actos conxuntos

A Fundación Illa de San Simón e o Instituto Finedu veñen de establecer un acordo marco de cooperación para o desenvolvemento do proxecto denominado ‘Arquipélago do Pensamento’, que constitúe unha rede virtual de intercambio cultural e de coñecemento inspirada no proxecto Illa do Pensamento. Esta iniciativa, que naceu en San Simón, conta cunha destacada proxección internacional acada a través da organización de eventos de gran repercusión e dos convenios realizados con máis de medio centenar de institucións e entidades de coñecemento de numerosos países.

En virtude do convenio asinado, a Fundación Illa de San Simón e o Instituto Finedu desenvolverán os seus propios eventos no marco do convenio inspirados “nun xeito común de facer as cousas”. Así o sinala o director da Fundación Illa de San Simón, Francisco Javier Alonso, para engadir que “máis alá diso, deseñaremos proxectos e eventos conxuntamente e reproduciremos tamén, cada un no noso propio territorio, eventos deseñados unilateralmente por cada unha das institucións”.

Deste xeito, este último convenio xurde do interese amosado polo instituto Finedu de Bos Aires por participar nas actividades que se están a desenvolver no Marco da Illa do Pensamento, tanto polo formato como polos participantes nos eventos e, sobre todo, pola filosofía do proxecto, no seu reto de converterse nun centro internacional para a creatividade, o debate e a xeración de ideas. Polo tanto, con esta nova alianza a Fundación Illa de San Simón transcende as fronteiras galegas cumprindo así un dos obxectivos prioritarios do proxecto.

Este acordo tamén permitirá estreitar a colaboración e fomentar o aporte de participantes e de audiencia nos diferentes eventos grazas á aplicación das novas tecnoloxías, como o sistema de retransmisión en directo por internet de todos os encontros, así como a súa promoción e difusión a través das redes sociais.

Institución académica

O Instituto Finedu (Bos Aires-Arxentina) é unha institución educativa universitaria que ten como misión a capacitación co maior grao de excelencia académica, ética e cultural, co obxectivo de afrontar os desafíos actuais e futuros con eficacia e eficiencia. A súa filosofía é o traballo en equipo, tendo en miras o ben común da humanidade, fomentando o pensamento libre, crítico, creativo e artístico. Como a única forma de acadar obxectivos propón o desenvolvemento pleno e a transformación da realidade. O Instituto Finedu, por tanto, comparte plenamente os fundamentos do proxecto Illa do Pensamento, o que lle outorga unha especial idoneidade para o espallamento do proxecto por Arxentina e toda Latinoamérica.

 

También te puede interesar