Ciencia y Tecnología Destacados

O Golfo de Cádiz agochaba os segredos sobre o cambio climático

Duvi/ Dous meses de traballo para desvelar segredos de seis millóns de anos de evolución da terra. Con este obxectivo partía no mes de novembro a expedición IODP-339 coordinada por Francisco Javier Hernández-Molina, investigador da Universidade de Vigo e por Dorrik A.V. Stow, da Heriot Watt University de Edimburgo. A bordo do buque Joides Resolution chegaron ao porto de Lisboa este martes cargados con preto de 5,5 quilómetros de sedimentos recollidos das profundidades mariñas do Golfo de Cádiz.

Estas mostras permitiron ao grupo de 35 científicos de 14 nacionalidades atopar novas evidencias sobre os pulsos tectónicos da Terra, así como un detallado rexistro dos cambio climáticos sufridos polo planeta nos últimos 6 millóns de anos. Algúns destes descubrimentos serán de especial interese para futuras exploracións de gas e petróleo a nivel mundial, segundo indicaron este mércores nunha comparecencia antes os medios de comunicación na capital lusa.

Que esconde o Golgo de Cádiz?

O investigador Hernández-Molina co-dirixe este equipo internacional que compartiu dous meses de traballo a bordo dun dos mellores buques de perforación do mundo. No Golfo de Cádiz perforaron a profundidades inéditas para esa zona e obtiveron por primeira vez mostras de estes sedimentos mariños con fins científicos. Segundo explica Dorrik Stow “a expedición deunos resposta a moitas das cuestións plantexadas ao inicio, pero tamén nos achegou resultados científicos totalmente inesperados“.

A elección do Golfo de Cádiz como zona de perforación responde ao feito de que no Estreito de Xibraltar unha poderosa fervenza de auga do Mediterráneo se estende cara ao Atlántico. Esta masa de auga é máis salgada e menos densa ca do Atlántico e, polo tanto, afúndese ata máis de 1000 metros, erosionando os fondos mariños rochosos, escavando canóns submarinos e construíndo montañas de lama nunha paisaxe submarina descoñecida. Estes depósitos albergan un rexistro climático e tectónico que se estende máis aló dos últimos 5.3 millóns de anos.

A existencia deste rexistro guiou á expedición IODP-339 na procura de mostras de sedimentos pouco coñecidos, as contornitas, depósitos que deben o seu nome ás correntes que os crean, que circulan “contorneando” as cuncas oceánicas. “Agora comprendemos moito mellor os trazos que caracterizan ás contornitas e validamos, sen lugar a dúbida, o paradigma que plantea este tipo de sedimentación“, comenta Dorrik Stow.

Un planeta en constante movemento

Os océanos están lonxe de ser estáticos, moitas correntes circulan a diferentes profundidades, formando unha cinta transportadora de calor e enerxía que controla e amortece o clima global. O Estreito de Xibraltar é un de estes corredores submarinos que se re-abriu hai menos de 6 millóns de anos. Nesta zona, o equipo científico atopou evidencias do “pulso tectónico” producido pola confluencia das placas tectónicas africana e europea. Este efecto tectónico produciu no pasado fortes terremotos e tsunamis e xerou importantes fluxos de masas areosas ao mar profundo. En catro dos sete puntos de perforación hai unha parte importante de rexistro xeolóxico que desapareceu, o que evidencia a existencia dunha corrente tan intensa que conseguiu erosionar o fondo mariño. O investigador da Universidade de Vigo, Javier Hernández-Molina, destaca que puideron “entender como o Estreito de Xibraltar actuou primeiramente como unha barreira e logo como corredor oceánico”.

As pegadas do cambio climático e os ríos de area

O primeiro punto que se perforou, localizado na marxe oeste de Portugal, planificouse para obter o rexistro sedimentario máis completo dos cambios climáticos da historia da Terra durante o último millón e medio de anos. Isto cubre polo menos catro das idades de xeo máis importantes e proporcionan un novo arquivo mariño para comparar cos rexistros de xeo de Groenlandia e a Antártida, así como con os existentes en terra firme. O equipo científico amósase gratamente sorprendido de atopar exactamente este mesmo sinal climático nos montículos contorníticos que se perforaron no Golfo de Cádiz.

Outro descubrimento sorprendente é o achado de máis areas nos sedimentos contorníticos das que cabería esperar. Os científicos atoparon impresionantes acumulacións de área, mostra dunha grande intensidade, alta velocidade e longa duración dlas correntes de fondo mediterráneas. Este descubrimento pode significar un xiro nas futuras exploracións de gas e petróleo a nivel mundial. “A profundidade, espesor, extensión e propiedades de estas areas, dótaas de unhas condicións ideais para que os hidrocarburos queden almacenados”, explica Stow. “Esta area é especialmente limpa e ben seleccionada e, polo tanto, moi porosa e permeable. Os nosos descubrimentos poderían supor un cambio importante nos futuros obxectivos de exploración de hidrocarburos”.

También te puede interesar