Galicia

Feijóo no discurso de fin de ano “o primeiro deber do gobernante é dicir a verdade”

O presidente da Xunta, apelou este sábado, na mensaxe de Fin de Ano, á capacidade de “mancomunar esforzos que sempre caracterizou a Galicia” para superar a crise mantendo o benestar e o desenvolvemento. Núñez Feijóo afirmou que “os políticos temos unha responsabilidade especial”, se ben aseverou que se precisará do esforzo e da participación da sociedade no seu conxunto.

O xefe do executivo galego salientou que Galicia é un pobo maduro e realista que merece ser tratado con respecto; “e o mellor respecto tradúcese nos nosos días en dicir a verdade, o primeiro deber do gobernante e o primeiro dereito do cidadán”. Neste sentido, afirmou que hai lugar para a preocupación, pero non para a desesperanza e lembrou que moitos antes” que no resto do Estado, “en Galicia xa se falaba con naturalidade de termos como austeridade, como planificación, como responsabilidade e estabilidade das contas públicas”.

Feijóo asegurou que podemos conservar cotas de progreso acadadas ata agora pero a cambio de reforzar pautas que nos leven a priorizar as necesidades. “Non é válida a opción de agochar os problemas. Tampouco é posible pospoñer as solucións. Os galegos sabémolo ben”.

Consciente do desacougo de moitas persoas, empresas e sectores, especialmente dos millóns de desempregados que viven nunha angustiosa incerteza, reiterou a necesidade de unir esforzos. O presidente da Xunta lembrou que Galicia foi protagonista de moitos empeños colectivos, “de cada crise acontecida no pasado, rexurdiu como un país renovado. Nunca cesaron de producirse ideas novas, proxectos innovadores. Nunca faltaron homes e mulleres capaces de unirse en torno a empresas comúns”. E destacou que é no Parlamento galego, que cumpriu trinta anos de plena madurez, “onde queda patente a nosa capacidade para facer grandes obras”.

 

También te puede interesar