Ciencia y Tecnología Vigo al minuto

Crean unha aplicación móbil para previr os accidentes de tráfico provocados por animais salvaxes

Duvi/ Moitos son os perigos aos que se enfrontan os condutores nas estradas. Ademais dos derivados directamente das condicións do tráfico, hai que ter en conta, especialmente en Galicia, os relacionados cos animas salvaxes. Para tentar frear este tipo de accidentes, sobre todo os ocasionados polo co corzo e o xabaril, especies máis comúns na comunidade, o grupo de investigación AF4 da Escola de Enxeñaría Forestal do campus de Pontevedra deseñou unha ferramenta de sinalización persoal empregando as novas tecnoloxías que avisa no momento de chegar a un punto con perigo por invasión das especies. “Trataríase dunha aplicación que se instalaría nos móbiles e que indicaría os tramos conflitivos, converténdose nunha forma de aviso máis eficaz que un sinal convencional”, explica Laura Lagos, investigadora ao fronte do proxecto. Ademais de recorrer ás novas tecnoloxías, os investigadores tamén propoñen o emprego de sinais luminosos e dinámicos “que se activen nos momentos do día con maior perigosidade”, a construción de pasos de fauna e un exercicio de concienciación entre a cidadanía.

Máis animais pero non máis accidentes

Aínda que semelle que o aumento de número de accidentes relacionados coa fauna salvaxe poida estar relacionado cun incremento da poboación animal, Laura Lagos explica que estas especies si experimentaron un crecemento xeral en Europa, “pero as densidades en Galicia aínda son baixas comparadas coas do resto dos territorios da contorna”. O maior número de sinistros concéntrase nas zonas onde conflúen o ser humano e animais salvaxes, o que xustifica que nos macizos centrais lucenses e ourensáns, onde se aglutina a maior densidade de ungulados salvaxes, “non haxa problemas de accidentes deste tipo porque a densidade de poboación humana é baixa”. Por outra banda, Galicia caracterízase por ter unha poboación moi dispersa, o que a converte “nun dos territorios nacionais coa maior densidade de estradas por quilómetro cadrado”, sinala Lagos. Ademais, existe un volume de tráfico cada vez maior e un incremento das velocidades dos vehículos, polo que o número de accidentes destas características “non é tanto consecuencia unicamente do aumento da poboación animal, senón da súa combinación que resulta coa alta densidade de tráfico”, apunta.

No norte, máis probabilidades

Os enxeñeiros deseñaron un patrón xeográfico salientando aquelas calzadas máis proclives a sufrir este tipo de accidentes, destacando que as do norte da provincia de Lugo e de A Coruña concentran o maior número de sinistros, “pois ademais de haber unha densidade media alta de fauna silvestre, existe unha rede viaria con moita afluencia de tráfico”, puntualiza Lagos. A provincia de Pontevedra presenta menos tramos de risco, a excepción de algúns segmentos viarios, como por exemplo o que une os concellos de Mondariz e Ponteareas, así como algúns da comarca do Deza, “nos cales si que se detectou unha porcentaxe importante de accidentes relacionados co xabaril”, conclúe.

También te puede interesar