Vigo al minuto

O BNG fai un derradeiro chamamento para concentrar o voto galego de esquerdas

Un chamamento afervoado a concentrar o voto “galego e de esquerdas” nas candidaturas do BNG como “dique de contención” frente a “marea azul escura, case negra” do PP. Ese foi o argumento básico da intervención do líder nacionalista, este xoves, no mítin de Vigo, o penúltimo dunha campaña á que o BNG ten concorrido baixo o lema A alternativa que te defende. O voto útil en Galiza.

“O BNG é o voto dobremente útil. Útil para que Galiza continúe tendo voz propia en Madrid e útil tamén para avanzarmos cara a un cambio real, un cambio de rumbo, un cambio de esquerdas”, dixo Guillerme Vázquez.

En realidade, o 20-N hai basicamente dúas opcións. Ou o continuismo dos recortes ou o cambio de rumbo galego e de esquerdas. “Rajoy non é o cambio. Rajoy é máis do mesmo. Máis recortes. Máis crise. Máis paro”, dixo. O guión que seguirá é o que pactou co PSOE cando reformou a Constitución española. “Pactaron que, gobernar quen gobernar, a política económica seria exactamente a mesma, a mesma que interesa a Angela Merkel e aos sacrosantos mercados. A política que lle interesa ao capital financeiro que neste momento quita e pon gobernos na Unión Europea”, reflectiu.

O cambio real en Galiza pasa pola alternativa galega e de esquerdas que representa o Bloque Nacionalista Galego, daí que Guillerme enfatizase que “non son tempos de andar perdendo votos. Son tempos de concentralos na única alternativa galega e de esquerdas con opcións reais de ter representación no Congreso e no Senado”.

“Si, porque se reparades que propostas leva feito Rajoy? Máis ben ningunha. En realidade, si, unha e ben chusca, a de prometer 3.000 euros a cada autónomo que contrate a un traballador. Chusca porque esa proposta non resolve os problemas reais dos autónomos, que son a baixa do consumo e a falta de crédito”, dixo o portavoz nacional, quen salientou que son as políticas da dereita económica e política as que están levando a pemes e autónomos a un calexón sen saída. “Pemes e autónomos están obxectivamente interesados non no recambio que personifica Rajoy, nese continuismo dos recortes, senón no cambio de esquerdas que defende o BNG”, dixo.

“Se a banca privada gaña máis cartos comprando bonos que dando créditos está claro que continuará a especular”, dixo, “polo que non hai outra que apostar pola banca pública. E quen sería quen máis se beneficiase da existencia dunha banca pública que si estivese disposta a financiar a economía real? Pois evidentemente as pemes e os autónomos”, concluiu.

A chave da recuperación pasa por “apostar claramente polo traballo e non pola especulación” e “devolver o poder adquisitivo perdido ás traballadoras e os traballadores”. “Non se pode competir con salarios baixos. Sempre haberá quen os teña máis baixos ca nós. A única opción pasa por reactivar o consumo e para reactivar o consumo non hai outra que dignificar os salarios, incrementar o poder de compra da maioría da poboación”, asegurou.

Reforma fiscal progresiva, prohibición de EREs en empresas con altos beneficios, supresión das Deputacións, drástico recorte dos gastos militares, racionalización administrativa coa eliminacijn de ministerios que invaden as competencias autonómicas exclusivas… “Claro que hai propostas alternativas, claro que son factíbeis, e claro que son viábeis, só precisamos que nos deades máis forza para que sexan realidade”, arengou.

Pola súa parte, a cabeza de lista por Pontevedra, Olaia Fernández Davila, animou a facer un último esforzo para achegarse a todos aqueles cidadáns que aínda non decidirou o seu voto e transmitirlles a ilusión “que estivemos a percibir na xente durante a campaña, ao comprobar que si hai alternativa de esquerdas que os pode seguir representando en Madrid, o BNG”

Fronte ao “voto inútil” ás políticas de dereitas, engadiu, hai que votar a única opción en Galiza con posibilidades certas de ter representación e cun programa que non é novo, que é coherente cunha concepción da economía ao servizo das persoas, do seu benestar e do seu dereito a un emprego digno, non ao servizo dos bancos”.

Davila advertiu que esas políticas de dereitas non ofrecen nada diferente ás políticas que se aplicaron estes anos, senón que máis ben van agudizar os recortes, como parece que vai acontecer coa Lei da Dependencia, e van a recruar a supresión de dereitos universais, como a sanidade, introducindo o copagamento ou pagar en función da renda.

A candidata do BNG asegurou que os dous grandes partidos están molestos porque forzaron ao máximo para que a campaña fora cen por cen bipartidista e “irrumpiu o BNG con alternativas críbeis, posíbeis, de esquerdas e galegas”.

Neste sentido, explicou que o seu lema, “a alternativa que te defende” non é un eslogan retórico ou electoral, senón unha relidade que a avala o traballo de anos, “traballo que ningúen, de ningunha cor política pon en cuestión, agora só falta que se traduza en moitos máis votos que fagan posíbel reforzar a nosa presenza nas Cortes”.

“Vamos a colocar un gallego en Madrid para defender os intereses de España –ironizou-, é iso o que queremos para o noso País, para Galiza, para Pontevedra?”.


 

También te puede interesar