Ciencia y Tecnología Vigo al minuto

Medicarse antes de durmir reduce ata un 69% os riscos da hipertensión

Duvi/ Reducir en máis dun 60% o risco de sufrir un accidente cardiovascular sen ter que desembolsar nin un céntimo máis. Iso é o que se consegue administrando aos pacientes os tratamentos antihipertensivos antes de deitarse e non pola mañá, como se viña facendo ata o de agora. Un estudo dirixido polo catedrático Ramón Hermida, do Laboratorio de Bioenxeñería e Cronobioloxía da Universidade de Vigo, revela que en función da hora en que se toma a medicación pódense reducir entre un 63 e un 69% a probabilidade de padecer un ataque ao corazón, un ictus ou un evento cerebrovascular sen ningún esforzo adicional e cunha estratexia a custe cero. “É a primeira vez que se documenta un beneficio terapéutico con só cambiarlle a rutina ao paciente, incluso ás veces reducindo a dose de medicamentos, co que implicaría ademais un aforro no gasto farmacéutico”, salienta Hermida.

Mentres que no tratamento convencional matutino o risco cardiovascular é similar en calquera das familias de antihipertensivos que se empregan, no caso da administración nocturna a cousa cambia: a medicación con antagonistas dos receptores da anxiotensina II (ARA-II) aumenta de xeito significativo a supervivencia sen incidentes fronte ao resto de fármacos. A redución dos riscos oscila entre o 63% na poboación hipertensa en xeral e o 69% detectado nos pacientes con enfermidades renais, o que converte “a presión arterial nocturna nun obxectivo terapéutico validado”.

Un descubrimento “revolucionario”

O estudo, no que xunto a Hermida colaboraron Diana Ayala, Artemio Mojón e José Fernández, partiu da premisa de que a hora na que se administraban as distintas familias de antihipertensivos incidía de xeito directo na redución da presión arterial, a duración da acción, o perfil de seguridade e os efectos sobre o perfil circadiano. Para comprobalo, o equipo de investigadores analizou a 3344 hipertensos divididos de xeito aleatorio para tomar a medicación ao levantarse ou administrar polo menos un ou dous fármacos ao acostarse. Monitorizaron a súa presión arterial durante 48 horas continuas tras o cambio e despois anualmente ou cada tres meses, dependendo de se era necesario axustar o tratamento antihipertensivo, e fixeron un seguimento do paciente durante unha media de 5,4 anos.

Tras 8 anos de traballo, o estudo acaba de ser publicado polo Journal of American Society of Nephrology, suscitando o interese de países como Estados Unidos, Alemaña, Noruega, Canadá ou Brasil e “colocando a Galicia no pico da pirámide da investigación cardiovascular”. Aínda en versión on line, a revista impresa irá acompañada dun editorial sobre o tema. Esta é a segunda entidade que recolle a investigación despois de que o pasado setembro o Journal of the American College of Cardiology publicara as conclusións do estudo e lle dedicara tamén o editorial polos “importantes cambios que pode provocar no manexo da hipertensión”, xa que a suxerencia de poder reducir á metade os riscos cardiovasculares só cambiando o horario e sen inversión previa era “revolucionaria”.

También te puede interesar