Galicia Vigo al minuto

A Universidade construirá unha piscigranxa sostible de troitas no Perú

Duvi/ Do que agora é un pequeno lago da alta montaña andina do Perú, nun ano poderán saír arredor de 20.000 troitas que axudarán a mellorar os hábitos alimentarios dunha das zonas máis pobres do país sudamericano. Detrás desta iniciativa está o catedrático da ETS de Enxeñaría de Minas, Enrique Orche que, da man da Universidade, Anfaco-Cecopesca e a Xunta de Galicia, foi quen de artellar un proxecto que dera resposta ás necesidades desta comunidade, coa que leva traballando dende hai anos en diversos eidos.

A Xunta de Galicia vén de aprobar a subvención para a proposta de Orche ao abeiro da convocatoria de axudas para proxectos de cooperación no exterior. Esta liña de traballo solidario é, segundo o reitor da Universidade, Salustiano Mato, “un xeito de internacionalizarnos, un dos obxectivos estratéxicos da institución no que levamos incidindo nos últimos dez anos e que será prioritario tamén para o Campus do Mar”. O obxectivo ultimo do proxecto en Perú é a mellora das condicións socioeconómicas da Comunidade Campesiña de Santa Bárbara de Huancavelica a través da acuicultura como elemento de desenvolvemento sostible.

Froito da demanda interna

A piscigranxa instalarase na Lagoa de Parionaccocha de 400 m2, na comunidade campesiña de Santa Bárbara, na rexión de Huancavelica cun primeiro prazo xa marcado: nun ano debería producir 20.000 unidades de troita arco da vella de maneira sostible co obxectivo de mellorar a dieta da poboación da comarca, moi deficitaria pola falta de proteínas e imposibilidade de acceder ao peixe na que, paradoxicamente é unha das grandes potencias pesqueiras do mundo. Segundo apunta Enrique Orche, que xunto coa Vicerreitoría de Relacións Internacionais e a ORI, coordinan o proxecto, “mercaranse os ovos embrionados para engordalos en gaiolas no lago en ciclos dun ano”.

Esta actividade compleméntase co desenvolvemento de dous tipos de obradoiros: un para a capacitación na comercialización e consumo do peixe en condicións hixiénicas adecuadas e saudables; o segundo, para o fortalecemento da capacidade organizativa das mulleres da comunidade a fin de que colaboren eficazmente no autodesenvolvemento sustentable da mesma.

Explica Orche que nesta zona o índice de pobreza rolda o 90% e que este proxecto ten tamén unha perspectiva de futuro moi interesante que permitirá o desenvolvemento económico e social da comunidade. Para isto, agardan os promotores que a produción acade no 2016 as 200.000 unidades de troita nesta lagoa situada a 4500 metros de altura. Tamén a longo prazo se plantea a posibilidade de comercializar a troita manufacturada da man de Anfaco para poder chegar a unha zona máis ampla do territorio peruano axudando así ao desenvolvemento da comunidade de orixe, composta por preto de 130 persoas.

O orzamento deste proxecto é de 208.000 euros, dos cales 155.000 será financiados pola Xunta de Galicia en dúas anualidades. A contía restante será achegada pola Universidade de Vigo, Anfaco e a Municipalidade de Huancavelica e as colaboracións desinteresadas de particulares.

También te puede interesar