Galicia Vigo al minuto

Pecha o Xornal de Galicia

A.ALBALADEJO* /Sempre é lamentable dar unha nova coma esta. A desaparición dun medio de comunicación recorta o espazo da liberdade de expresión e se ese medio é un dos poucos que se editaban en galego, a perda é dobre. Co peche do Xornal de Galicia, que sairá á rúa por derradeira vez o xoves que ven, día 7, os kioskos quedan orfos de xornais en papel editados en galego.

Á perda o Xornal de Galicia, súmanse ás de Galicia Hoxe, A Nosa Terra, Vieiros e o quincenal A Peneira, todos eles en galego, co cal o noso idioma só estará nas primeiras o Día das Letras Galegas, o Día de Galicia ou noutras ocasións especiais, dando un golpe máis a unha lingua que, en contra do que pasa co euskera ou o catalán, seguirá transmitíndose, case que completamente, por vía oral.

O Xornal de Galicia, que non chegou aos tres anos de vida, foi fundado polo xornalista José Luis Gómez, quen o deixou o pasado maio, apoiado polo empresario Jacinto Rey, propietario de Constructora San José. Os nosos compañeiros recibiron hoxe a confirmación oficial do peche e tamén de que sobrevive a súa edición dixital. A todos eles, unha aperta forte co noso aprecio e solidariedade.

*Redactor Jefe vigoalminuto.com

 

También te puede interesar