Deportes Galicia

Os palistas galegos pendúranse duas pratas e un bronce no Europeo de piragüismo

Este fin de semán pechouse na localidade francesa de Saint Jean de Losne o Campionato de Europa de Piragüismo na modalidade de maratón. Un xornada, sen dúbida máis que exitosa para a escuadra galega desprazada co combinado nacional, a xulgar polos tres metais que os nosos deportistas engadiron ao medalleiro da selección: dúas pratas (Graña e Ferro, Fiuza e Bouzán) e un bronce (María Pérez con Naiara Gómez).

Para a xornada de clausura estaban reservadas probas con barcos de equipo, e aquí foi onde a participación galega comezou o día coa presenza de María Pérez (As Torres) xunto coa súa compañeira vasca, Naiara Gómez, en K2 Muller Senior, loitando de principio a fin por un primeiro posto no medalleiro que se converteu en bronce logo de realizar unha carreira que non se pode calificar doutro xeito que de extraordinaria. A pesares do alto empuxe que lle imprimiron á carreira dende as primeiras paladas, María e Naira adxudicáronse o 3º posto a tan só 25 escasos segundos das gañadoras, as húngaras Bedocs-Bara e das subccampioas francesas Morel-Devraines.

Pero este era só o principio dunha xornada para a lembranza do maratón galego, xa que a continuación era a quenda dos C2 Home Senior, onde as nosas miras para as medallas estaban no barco de Graña e Ferro -quen dende logo non defraudaron– e que ían acompañados nesta proba pola parella das Torres Romería Vikinga, Ismael Pesado e Miguel Salgado. Os da Illa de Arousa, os nosos campións do mundo, e loitando incluso con problemas de saúde que viñeron condicionando o desenvolvemento do campionato en varios deportistas, sumaban para España –e para o propio Kayak Tudense no que agora compiten- unha merecida prata que ben pode saber a máis xa que se adxudicaron o subcampionato continental por chegar a escasos segundos da parella húngara.

Pero como apuntabamos anteriormente, non foron os tudenses os únicos galegos que quixeron demostrar a súa valía nun europeo de alto nivel xa que dende As Torres tamén veñen padexando forte Ismael Pesado e Miguel Salgado, quen houberon de parar o crono en 2:03:27, situándose nun 5º posto que lles garante que se ha seguir falando deles xa que avanzan así os seus futuros éxitos.

Mais a festa europea do maratón non remataría para os nosos deportistas mentres o combinado nacional non acadara outro triunfo con presenza galega: o subcampionato continental de Álvaro Fernández Fiuza e o seu compañeiro asturiano, Walter Bouzán.

Así pois, o Europeo supuxo todo un éxito para os padexeiros galegos, quen souberon adaptarse a un circuíto de 18 quilómetros nos que tiveron que dar varias voltas ata facerse cun suculento botín de preseas. Lembrar que España pecha a súa participación no Europeo de Maratón con 1 ouro, 4 pratas e 2 bronces.


 

También te puede interesar