Vigo al minuto

En marcha o 7º Campus de Baloncesto do Seis do Nadal

O 7º Campus de Baloncesto 2011 organizado polo club Club Baloncesto Seis do Nadal – Coia xa pechou o seu prazo de inscrición e se celebrará a próxima semana do día 11 ao 17 de xullo do 2011 nas instalacións da Cidade Universitaria de Vigo. Nesta nova edición, organizada por sétimo ano consecutivo pola entidade de Coia, o Campus de Baloncesto acollerá a preto dun centenar de xogadores e xogadoras de entre 6 e 17 anos procedentes da cidade de Vigo e a súa comarca.

As instalacións nas que se desenvolverá serán as instalación deportivas da Cidade Universitaria de Vigo, complexo deportivo moderno e con gran diversidade de instalacións actuais e funcionais que están adaptadas a todo tipo de actividades deportivas e de tempo libre. Unha pista polideportiva, un campo de herba natural, un campo de herba sintética, unha piscina, unha pista de atletismo e todo un complexo deportivo serán partícipes de cada unha das actividades organizadas e levadas a cabo no 7º Campus de Baloncesto 2011 do Club Baloncesto Seis do Nadal – Coia.

O campus ofrece unha completa formación deportiva, que correrá a cargo de adestradores e adestradoras de contrastada experiencia e especializados na súa disciplina. Os deportes e actividades que practicarán os nosos inscritos e inscritas, ademais do baloncesto que será impartido por adestradores e adestradoras do Club Baloncesto Seis do Nadal – Coia, serán o rugby impartido polo Vigo Rugby Club; o béisbol, adestrado polo Halcones de Vigo; o balonmán, de mans do Club Balonmán Seis do Nadal; o kin-ball, impartido por adestradores/as superiores e xogadores/as da Selección Absoluta de Kin-Ball; o fútbol, actividade dirixida polo Alerta Travesas SD Navia; o piragüismo, desenvolto na praia de O Bao de máns de monitores especializados e titulados; o aerobic, impartido pola monitora de ximnasia rítmica e de mantemento do CEIP Seis do Nadal; o atletismo, que será dirixido por atletas e monitores titulados; e o taewkondo, impartido por técnicos coa titulación correspondente. Todas estas actividades repiten experiencia despois de impartir a súa actividade durante algunha das pasadas edicións.

Como actividade deportiva paralela, tódolos grupos do campus poderá disfrutar da piscina da Cidade Universitaria de Vigo, onde poderán descansar e desenvolver as súas calidades e capacidades acuáticas.

Ao longo do campus tamén se ofrecerán un amplo abano de oportunidades sociais e culturais. Este ano tódolos participantes do campus realizará unha visita guiada ás Salinas Romanas de Vigo. Son as salinas de evaporación solar máis antigas que se conservan da época romana e que viron a luz de xeito casual, nas obras de construción dun centro de saúde en Vigo. Tódolos nenos e nenas farán un percorrido pola salina e coñecerán como era a técnica de obtención de sal e os usos que lle daban os romanos na súa vida cotiá.

Outra oportunidade social e cultural da que disporán os rapaces e rapazas ao longo do campus será a xornada da excursión, que este ano será ao Complexo Acuático de Monterrei, onde tódalas piscinas, as zonas verdes e as zonas de monte farán as ledicias de todos eles e elas.

Ademais, este ano David Navarro, xogador da Liga ACB, visitará o 7º Campus de Baloncesto 2011. David Navarro, xogador cunha ampla traxetoria no baloncesto catalán, militou na tempada 2010/2011 no CB Girono da Liga Leb Ouro sendo un dos máximos anotadores da competición, ata que fichou polo Power Electronics Valencia da Liga ACB en vísperas da disputa da Copa do Rei, equipo co que ademais disputou partidos da Euroliga e participou nos playoffs da ACB. Tódolos xogadores e xogadoras do campus poderán compartir pista e moitas experiencias con David Navarro.

También te puede interesar