Ciencia y Tecnología Vigo al minuto

O mail e as redes sociais cambian as regras do xogo no traballo

Alexandre Pazos, autor da tese.
Alexandre Pazos, autor da tese.

Duvi/ Na sociedade actual traballo e novas tecnoloxías case sempre van unidos, sendo máis ca habitual o uso laboral de internet e do correo electrónico. Sen embargo, o acceso a esta tecnoloxía para outros usos distintos aos puramente laborais dá lugar a numerosos conflitos entre as empresas e os seus traballadores, algo que no noso país se topa de fronte cun importante baleiro legal “que podería solucionarse cunha regulación específica sobre o uso do correo electrónico e as redes sociais no traballo, adaptada ás novas realidades sociais actuais”. É a opinión de Alexandre Pazos, autor dunha tese de doutoramento sobre o dereito á liberdade de expresión e o dereito á liberdade de información no ámbito laboral.

Desde o punto de vista de Pazos, avogado especializado en xurisdición social, laboral e da seguridade social e profesor na Universidade, chegados a este punto é fundamental que empresarios e sindicatos negocien a construción de novas regras de xogo respecto ao uso destas novas tecnoloxías da información mediante convenios colectivos “ou mesmo con manuais ou códigos de conduta internos en cada empresa que establezan as pautas a seguir no que ao manexo destas ferramentas se refire”. Ademais, tamén podería contribuír a unha “boa solución” o emprego da sinatura electrónica conxuntamente con certificados dixitais expedidos por autoridades de certificación competentes, xa que conseguen un alto grao de autentificación ”.

Ferramenta de traballo ou non

A polémica sobre a privacidade ou non do correo electrónico no posto de traballo pode vir xerado, segundo a opinión do autor da tese, por non estar regulado expresamente o segredo das comunicacións en liña na comunidade europea, xa que contempla o segredo das comunicacións postais, telegráficas e telefónicas, pero non a niveis dixitais, polo que “desde o meu punto de vista se debería facer unha interpretación flexible ao respecto”.

Segundo se defende na tese, aínda que o ordenador sexa unha ferramenta de traballo, non o é o seu contido, da mesma forma que o teléfono da oficina é unha ferramenta de traballo e “é obvio que o empresario non pode intervir legalmente as conversacións”. Neste senso, o correo electrónico debe ser considerado como un medio de comunicación, o que comporta que debe outorgárselle a necesaria protección fronte á intromisión externa, existindo ademais un elemento que exterioriza o carácter privado do seu contido: a contrasinal ou clave de acceso personalizada. “Ao meu xuízo se un empresario, como calquera outra persoa pública ou privada, intervén o correo electrónico dun traballador está cometendo un delito contra a intimidade previsto e penado no art. 197 do Código Penal”, insiste o investigador.

También te puede interesar