Galicia Vigo al minuto

A Universidade de Vigo, a menos conflitiva de España

Duvi/ Peculiar dende o comezo. A Universidade de Vigo non só é a única de España que en lugar de contar cun Defensor Universitario dispón dun Tribunal de Garantías formado por 9 persoas, senón que tamén é a institución na que menos expedientes abriu esta figura. Hoxe, Luis Espada, o Defensor, presentou un balance das actuacións feitas por este organismo que serviu a modo de despedida da presidencia do ex reitor.

Nestes dez anos, o Tribunal de Garantías abriu 317 expedientes, sempre cunha tendencia á baixa que levou dos 73 sumarios rexistrados no ano 1999 aos 14 do 2009. Unha diminución producida en gran medida pola aposta pola vía da negociación que se desenvolve antes de chegar á apertura do expediente con consultas, entrevistas, intervencións, mediacións e conciliacións: o resultado é que só o 10% das consultas transfórmanse en expedientes, convertendo á Universidade de Vigo na “menos conflitiva” de España. O 64% dos expedientes recollidos corresponden ao alumnado, o 26,8% ao profesorado e o 7,6% ao Persoal de Administración e Servizos (PAS).

O alumnado foi o que pediu a maioría das 1171 consultas feitas nesta década, con case 8 de cada dez intervencións, seguido dos docentes (16,1%) e do PAS (4,8%). O ano 2003 foi cando máis consultas se rexistraron, con 176, pero a partir de aí o ratio de entrevistas feitas cada ano foi baixando ata as 52 do ano 2008 ou as 82 do 2009 tras un pequeno repunte. Mentres, o 5,7% dos casos nos que foi preciso actuar por escrito e pedir informes acabouse arquivando a causa, fronte ao 82,2% que rematou cunha recomendación: o 37,8% negativa; o 22,5% positiva, o 13,7% informativa e o 9,2% conciliadora.

Exames e cargad docente, o máis reclamado

O eido tecnolóxico é o que máis recorre ao Tribunal de Garantías, aínda que as temáticas se repiten: nestes dez anos a maioría das consultas presentadas polo alumnado foi por cuestións relacionadas con exames e notas (62,3%), mentres que no caso do profesorado foi por carga docente e convivencia departamental (34,4%) e no PAS por situacións laborais (39,3%). En caso de dar un paso máis aló e chegar ata a apertura dun expediente, entre o estudantado segue primando a avaliación curricular, cun 55,7% dos casos (lonxe do máximo histórico de 76,9% do 2005), mentres que no caso de docentes e persoal o maior tema de conflito son as prazas, cun 22,6 e un 45,8% das demandas, respectivamente.

O vindeiro 6 de xullo o Claustro da Universidade de Vigo terá que elixir a un novo Defensor Universitario e ao Tribunal de Garantías no que se inclúe. Dende hoxe está aberto o prazo de presentación de candidaturas, abertas a todo o mundo, aínda que xa se teñen “propostas consensuadas” sobre o sustituto de Luis Espada ao fronte desta entidade, como asegurou Salustiano Mato.

También te puede interesar