Destacados Vigo al minuto

Vigo e China queren camiñar da man no século dos océanos

Duvi/ Nos océanos está o futuro, un futuro no que o Campus do Mar será un dos mellores aliados. Dentro dese traballo continuo e fundamental de internacionalización, a Universidade de Vigo recibiu esta semana a visita dunha delegación da Universidade do Océano de Guangdong, unha entidade chinesa con 70 anos de historia situada preto de Hong Kong e cun tamaño semellante á viguesa: 22.600 estudantes matriculados, 18 facultades e escolas, 56 titulacións de grao e 15 programas de posgrao, sempre relacionados con algún ámbito mariño.

Un dos eixos centrais da visita da delegación chinesa foi a análise das distintas alternativas existentes para o intercambio, tanto de docentes como de alumnado, así como a participación conxunta en proxectos de investigación e cooperación en aspectos como o uso sostible dos recursos mariños, a xestión integral das zonas costeiras ou o progreso tecnolóxico e a xestión empresarial no eido mariño. Xunto con Brasil, Chile e México, China é un dos países considerados estratéxicos para a internacionalización do Campus do Mar, que ten deseñadas novas liñas emerxentes de investigación e un potente programa de captación de talento deseñado para atraer a 900 novos investigadores. Porque se nalgo coincidiron os representantes de ambas universidades foi en salientar que o s.XXI é “o século dos océanos”.

Unha delegación con seis representantes

O vicerreitor de Relacións Internacionais, Manuel J. Fernández Iglesias, e o director e o responsable de relacións internacionais do Campus do Mar, Emilio Fernández e Alberto González-Garcés, foron os encargados de guiar polo campus vigués á delegación chinesa, composta por seis representantes: o reitor, He Zhen; o director da oficina de Relacións Internacionais, Li Xuanhai; o director de Asuntos Académicos, An Lilong; o decano da Facultade de Pesca, Jian Jichang; o decano da Facultade de Oceanografía e Meteoroloxía, Zhang Shuwen; e o vicedirector do Instituto de Tecnoloxía dos Alimentos, Ji Hongwu.

También te puede interesar