Destacados Vigo al minuto

O Campus do Mar ficha aos ex reitores da UVigo

Duvi/ Un proxecto común e cooperativo como o Campus do Mar precisa da implicación de todos os sectores e eidos da comunidade universitaria e investigadora. Boa mostra deste espírito integrador é o nomeamento dos catro ex-reitores da Universidade de Vigo como delegados no Campus do Mar, os embaixadores da institución neste proxecto de excelencia. A idea parte do Consello Reitor do proxecto co fin “de promover a participación de persoas de prestixio e talento das diferentes institucións, aproveitando a súa experiencia e bo saber e, neste caso, sendo parte da historia desta Universidade”, como explicou o reitor, Salustiano Mato.

Con este nomeamento Luis Espada, José Antonio Rodríguez Vázquez, Domingo Docampo e Alberto Gago transforman nun cargo de responsabilidade o seu apoio ao Campus do Mar que xa viñan explicitando dende o comezo da singradura deste proxecto de excelencia. O primeiro reitor da Universidade de Vigo, Luis Espada Recarey, terá como responsabilidade a Proxección Social na contorna, unha ponte entre o Campus e a sociedade impulsando e establecendo novas relacións de cooperación e actividades de difusión que comezarán coa creación dun club de amigos do Campus do Mar.

Mentres, José Antonio Rodríguez Vázquez será o encargado da captación de talento, un dos piares do proxecto, para o que desenvolverá un traballo de difusión e divulgación atraen cara ao Campus do Mar aos investigadores do futuro. A idea é presentar o campus de excelencia “como unha oportunidade” achegándose ao estudantado de Bacharelato e FP, aínda que Rodríguez Vázquez xa ten medidas en mente para competir con Estados Unidos, Alemaña e Xapón, países que acubillan o 90% das patentes mundial relacionadas co eido mariño.

Campus Dixital do Mar quedará baixo o mando de Domingo Docampo, un espazo dixital que derrube fronteiras espaciais e distancias territoriais dun proxecto transfronteirizo. Baixo o seu paraugas prestaranse servizos dixitais como plataformas e-learning, e-colaboración, redes sociais educativas, tecnoloxías de vídeo sobre internet, WebTv… Por último, Alberto Gago encargarase da cooperación para o desenvolvemento e a internacionalización.

También te puede interesar