Ciencia y Tecnología Destacados

O cambio climático deixa unha ristra de arsénico e níquel nos lagos pirenaicos

Duvi/ O cambio climático deixou de ser un mito e os lagos de alta montaña que se atopan nos Pirineos son a proba máis evidente. A elevación do nivel de conxelación, o aumento xeral da frecuencia dos períodos secos e a redución da cuberta de neve dende os anos 80 traen consigo unha consecuencia directa: que a acumulación de metais pesados como arsénico e níquel disparouse e comeza a por en perigo os cursos de auga que baixan dende os lagos. Esas son as principais conclusións da tese de doutoramento de Dragos Zaharescu, feita tras seis anos de expedicións “cargando coa mochila subindo e baixando 8.000 metros”.

A súa ubicación na parte alta da topografía e a interacción coa atmósfera provoca que os lagos pirenaicos teñan unha alta sensibilidade aos factores ambientais, o que fai que o cambio climático se reflicta de xeito case inmediato nas súas augas coa disolución dos metais pesados das rochas. Os niveis de concentración de arsénico e de níquel, “dous elementos perigosos”, xa superaron o límite de seguridade para a protección da vida acuática nos sedimentos superficiais. “Isto apunta a unha ameaza potencial para os ecosistemas e para a poboación. Un risco que se vai incrementando co tempo debido a todos os cambios nos factores ambientais que predín os modelos climáticos para as próximas décadas”, explica Zaharescu.

O perigo meirande está sobre todo na alteración das temperaturas e das precipitacións, xa que “poden causar cambios graves na hidroloxía, na cuberta de neve, no réxime de desgaste e na erosión do chan” e deste xeito influír nos ciclos bioxeoquímicos dos metais pesados. A primeira recomendación deste investigador é clara: non introducir modificacións no medio ambiente, como remover os sedimentos do fondo dos lagos, “porque o ser humano normalmente o que cambia non é para ben e só aumentaría o risco. Debemos comunicar os resultados científicos aos responsables das áreas onde o perigo é maior para poder decidir con certa marxe sobre fontes de auga e alimento alternativos procedentes de zonas non contaminadas”, subliña.

Unha advertencia: se se deixa pasar o tempo sen facer nada, habería que empezar a pensar xa no traslado das poboacións humanas, con todos os trastornos económicos que suporía, sobre todo tendo en conta que nesas zonas a riqueza está moi relacionada co turismo de aventura ou de neve. “Temos que ser moi conscientes e responsables dos cambios que determinan as nosas accións e o efecto resposta que se produce no medio ambiente, ao que lle viñamos prestando moi pouca atención”, apunta Zaharescu.

También te puede interesar