Vigo al minuto

Nace un máster para cubrir as necesidades das PEMES

Duvi/ Aínda non se abriu o prazo de matrícula e xa espertou moitas expectativas entre a alumnado potencial: un licenciado na Escola de Empresariais hai 23 anos que traballa nunha PEME e quere “actualizarse e especializarse” xa chamou pedindo información. Trátase do novo Máster en Dirección de PEMES, que verá a luz o vindeiro curso coa intención de “cubrir as necesidades das pequenas e medianas empresas, xa que dende elas demandan profesionais que entendan a problemáticas dunhas corporacións cunhas características especiais”, asegurou Pilar López, coordinadora da novo posgrao. Este máster nace con 30 prazas tras un estudo de mercado do sector para facer unha titulación á medida das circunstancias e non ao revés, “o que dificultaría a saída laboral do alumnado”.

Será un ano para cubrir os 60 créditos e as oito materias presenciais, o traballo de fin de titulación e as prácticas en empresas, coas que xa se está a falar para buscar ás entidades que máis se axusten ao perfil do estudantado. A Escola de Empresariais ten activos máis de 500 convenios de colaboración con distintas entidades, algúns deles dende os anos 80. As clases serán pola tarde para atraer ao posible alumnado que teña que compatibilizar o máster cun posto de traballo e a preinscrición poderá facerse entre o 1 e o 7 de xullo, para logo formalizar a matrícula a finais de mes. Haberá un segundo prazo de inscrición a partir do 30 de agosto.

Clases non presenciais

Mentres este posgrao comeza a súa andadura, o de Comercio Internacional pecha este ano a súa terceira edición despois de que 90 profesionais pasaran xa polas súas aulas e escolleran esta titulación, “continuación natural do grado de Comercio. A saída da crise pasa pola internacionalización, tanto para sobrevivir como para crecer. Por algo só en Vigo hai máis de 1000 empresas exportadoras”, subliñou Antonio Vaamonde, coordinador do mestrado. Para mellorar a formación destes profesionais, o vindeiro curso a titulación estreará unha modificación do plan de estudos, para incluír materias novas e “suprimir as redundantes”, pero tamén porá en marcha unha versión non presencial, xa que detectaron que moitos dos estudantes que elixiron este máster procedían de países como Brasil, Venezuela o Taiwán. Serán os mesmos contidos e o mesmo profesorado, “só cambiará a modalidade de ensinanza”, na que se explotará a teledocencia e as videoconferencias.

También te puede interesar