Cultura Galicia

A facer rir tamén é preciso aprender

O Festiclown chega a Vigo coa súa duodécima edición entre o 26 e o 31 de xullo cunha aposta clara: a formación. O Festival Internacional de Clown de Galicia traerá 10 propostas formativas impartidas polos mellores mestres a nivel internacional, como o polémico Leo Bassi, Norman Taylor, Moshe Coen ou Antón Valén, entre outros. O Formaclown conta cada ano cunha media de 200 participantes dentro dun festival que o ano pasado foi seguido en Vigo por máis de 40.000 espectadores.

Reafirmándose na aposta pola formación, este ano o belga Norman Taylor será o responsable de impartir “Movemento cómico”, o único curso este ano orientado exclusivamente a profesionais. Pola súa banda, Antón Valén, integrante do afamado Cirque du Soleil entre o 2002 e o 2007 e responsable de algúns dos números clownescos de “Alegría”, impartirá os obradoiros de “Iniciación ao clown” e “Un clown na pista”.

O Formaclown tamén contempla no seu programa 2011 un curso impartido por Leo Bassi, outro a cargo de Christian Atanasiu, O galego José C. Illanes, actor, músico e cofundador de Zancalino Produs, impartirá o “Curso de zancos e comicidade”, mentres que o grande mestre italiano Carlo Bosso, ocuparase do curso de “Comedia dell´ arte”.

O prazo para solicitar a preinscrición nos cursos de Formaclown remata o 29 de xuño, aínda que se prolongará no mes de xullo naqueles cursos que dispoñan de prazas.

Clowns á rúa

O  Festiclown chegará con un amplo programa de actividades nas rúas de Vigo a última semana de xullo para enchelas de humor, risas e narices vermellas, pero sen esquecer o compromiso social, como proba o feito de que a recadación deste ano irá destinada á realización do 1º festival de clown en Palestina, o Festiclown Palestina.

También te puede interesar