Galicia Vigo al minuto

O Campus do Mar porá 350.000 euros para a caza de talentos

Duvi/ Campus do Mar vai convocar para o vindeiro curso 35 bolsas de mestrado por unha contía de 350.000 euros. Así o decidiu o equipo de dirección do Campus do Mar nunha xuntanza mantida este luns no Edificio CACTUS da Universidade de Santiago de Compostela. O obxectivo, segundo manifestaron ao remate da reunión, é “que sexa un dos instrumentos centrais no proceso de transformación en Campus de Excelencia Internacional, co fin de conseguir así a maior calidade na formación de posgrao, tanto no mestrado como no doutoramento”.

Dirixidas a estudantes de calquera lugar do mundo que realicen un mestrado impartido en calquera das tres universidades galegas promotoras do Campus do Mar, espérase que os beneficiarios, en función da súa capacitación e formación se convertan en novos investigadores e investigadoras nos diferentes ámbitos da investigación mariña e marítima, adquiridas en calquera das institucións integrantes do Campus do Mar.

Nesta reunión, o Equipo de Dirección do Campus do Mar acordou tamén fomentar e desenvolver accións de proxección internacional, participando en foros e eventos en diferentes ámbitos e áreas xeográficas que permitan promocionar e difundir as accións e actividades do Campus do Mar no exterior. No seguimento ás diferentes accións que están en marcha, o encontro serviu tamén para seguir perfilando o programa de contratación de tecnólogos e esbozar as bases de novas convocatorias para a organización de eventos internacionais e apoio á elaboración de proxectos.

También te puede interesar