Ciencia y Tecnología Cultura

O Holocausto ten rostro de muller

Xoán Manuel Garrido e Iriana Gil participan no proxecto.
Xoán Manuel Garrido e Iriana Gil participan no proxecto.

Duvi/ Negar a evidencia é un delito na maioría dos países europeos, sobre todo cando se fai co Holocausto: afirmar que o xenocidio xudeu durante a II Guerra Mundial ou as cámaras de gas non existiron, o Negacionismo, é unha corrente que tenta reinterpretar os feitos asegurando que todo o ocorrido na Alemaña nazi foi un mito, un fraude. Por iso, para que a historia permaneza na memoria, un grupo de investigadores do Máster de Tradución e Paratradución da Universidade de Vigo traballa xunto coas de Granada, Alicante e Murcia nunha base de datos sobre as voces do Holocausto, aínda que dende unha perspectiva novidosa: a das mulleres. “Son vítimas do totalitarismo. Elas pasábano peor nos campos de concentración, morrían máis e as que conseguían sobrevivir quedaban marxinadas”, explica Xoan Manuel Garrido, un dos colaboradores desta iniciativa do Grupo DiGEC (Discriminación, Xenocidio e Exterminio Cultural: Literatura Feminina do Holocausto).

En 2012 poderá verse o resultado do traballo: unha exposición e unha base de datos cos orixinais e as traducións a catro idiomas (inglés, francés, español e hebreo) das obras de 500 autoras. A Universidade de Vigo será a encargada de achegar información básica ou de ir resumindo bibliografía de preto de 50 mulleres de ámbito hispánico, aínda que tamén polaco. Isto será grazas á colaboración de Iriana Gil, unha estudante do máster que estivo de Erasmus en Polonia, país no que realizou unha parte da investigación da súa tese de doutoramento. “Europa do Leste era antisemita. Polonia silenciaba todo o que estaba a ocorrer, pero ao mesmo tempo non lles gustaba a imaxe que tiñan de si mesmos”, recorda Gil. O seu traballo actual versa sobre o libro que resultou do diario do músico xudeu Wladyslaw Szpilman, que foi censurado, retirado e publicado de novo en 1999 baixo o título de ‘O pianista’.

Son relatos “de masacres e atrocidades” que recollen tan só unha pequena porcentaxe de todos os que realmente foron, testemuños de puño e letra de mulleres que viviron a experiencia persoalmente ou a través das súas nais e avoas. Na lista, nomes de sona como Milena, a noiva de Kafka, ou Margaret Buber-Neumann, esposa do líder do Partido Comunista alemán e que Stalin entregou a Hitler, pero tamén máis próximos, como o da española Mercedes Núñez Parga, coñecida na Resistencia Francesa como Paquita Colomer. Foi o propio fillo desta loitadora o que se puxo en contacto con Xosé Manuel Garrido para tentar darlle saída aos textos da súa nai que vén de traducir ao castelán e ao francés.

Recollidos en libros

Dirixidos por Alicia Ramos, dez investigadores e tres colaboradores forman parte de DiGEC, un proxecto que naceu o ano pasado e que conta coa colaboración de institucións como o Museo do Holocausto de Xerusalén ou a Casa Sefarad. Centrado no estudo da destrución de estruturas do poder cultural dos xudeus europeos, na informatización e documentación de expedientes e na recuperación dos nomes menos coñecidos da Shoá, a partir de 2011 o grupo editará xunto con Aecibel unha colección de libros que comezará co ‘Diario de Eva Heyman’, a obra dunha nena húngara de 13 anos que morreu nas cámaras de gas de Auschwitz.

O máis difícil de toda a investigación foi… mantela en segredo “para que os americanos non nola quitaran”, a pesar de que non é un traballo doado de sacar adiante. “En Estados Unidos o memorial do Holocausto está ao lado do pai da patria. É un elemento da identidade americana que se utiliza moitas veces con intereses políticos, dun lado ou doutro. Xogan co seu símbolo”, asegura o investigador vigués. Aínda que o interese polo Holocausto espertou tras un documental sobre a Shoá de 9 horas ou a imaxe de Jacques Chirac e Helmut Kohl axeonllados en Auschwitz, o pulo definitivo chegou con ‘A lista de Shindler’. “Dende aquela cada nova perspectiva que aparece interesa máis á xente. O último exemplo é o do libro ‘O neno do pixama a raias’, feito por un escritor que nada ten que ver cos xudeus”, subliñou Garrido. Todo para buscarlle algún sentido “a accións que parecen incomprensibles”.

 

También te puede interesar