Galicia Vigo al minuto

Os estudantes encoméndanse a ‘Santa Biblioteca’

Duvi/ Nin tila ou valeriana para calmar os nervios, nin café para o estudantado noctámbulo. Para enfrontar a recta final do curso os mozos e mozas da Universidade de Vigo só precisan unha cousa: a biblioteca. O calendario académico do Espazo de Europeo de Educación Superior fixo que as probas de avaliación de xuño chamaran á porta xa onte e que se prolonguen ata o día 3 do vindeiro mes. Unhas xornadas moi intensas nas que a apertura da biblioteca unhas horas extra polas noites ven como auga caída do ceo: a pesar do bo tempo e de ter que desprazarse a propósito ata o campus ou as facultades porque as clases xa acabaron, os universitarios prefiren estudar na biblioteca. “Coa calor que fai ter que estar diante dos libros é difícil, pero iso de levar os apuntamentos á praia non funciona. Ou na marabillosa biblioteca ou nada”, explica Sandra Cardamo.

Aínda que máis ateigadas que de costume nestas datas, as bibliotecas é un lugar de paso habitual entre o alumnado. “Son unha persoa á que lle custa moito estudar, así que intento vir todos os días de luns a venres polo menos dous meses antes para ir facendo resumos e esquemas. Logo toca repasar moito”, recoñece Noemí Álvarez, estudante de Dereito Económico, que o luns estrea exames cunha proba oral de Dereito Tributario. Malia que todos tentan coller os libros con antelación “acabas deixando todo para o final e dándote un atracón”, recoñecen Pablo Macías e Sergio Mosquera durante un descanso. Outros nin tempo teñen de tentalo. “A min non me dá para estudar todos os días, porque teño que entregar traballos de seguido. Así que se agradece que a biblioteca abra ata tarde. A técnica é estudar ata que soe o timbre e ata que o corpo aguante”, subliña Cardamo, estudante de Educación Infantil.

Sen embargo, para tranquilizar os nervios non hai truco que valla, como moito un pouco de café cando a xornada se prolonga máis da conta. “Non estou moi a favor de tomar nada, simplemente hai que tentar estar tranquilo porque os nervios son traizoeiros, chegar ao exame, respirar profundamente, demostrar o que sabes e xa está”, razoa Álvarez. Todos coinciden, estuden o que estuden: os nervios “os aguantas e punto”.

También te puede interesar