RUTH VILLAR/ Hoxe tocaba falar de cultura nos arredores do Museo Quiñones de León e ata alí desprazouse a candidata do PPdeG á Alcaldía, Corina Porro, con todo o seu equipo. Cargada con libros para regalar do homenaxeado neste Día das Letras Galega, Lois Pereiro, a aspirante a gobernar os próximos catro anos comprometeuse a que «as comunicacións institucionais do Concello cos cidadáns serán bilingües«.
Porro, que ofreceu todo o seu discurso electoral en galego e fíxoo porque «así» desexábao, reclamou para Vigo a «cooficialidade do galego e do castelán» e asegurou que se é a próxima rexedora «antes de que remate 2011, o Goberno do PP porá as cousas no seu sitio».
Modificará, pois, a normativa das comunicacións do Concello para que «ambas as linguas teñas as mesmas oportunidades».
Dixo que elixira o marco do Museo Quiñones de León para transmitir unha mensaxe clara á cidadanía de facer «deste museo» o eixo principal da «reordenación» museística.
Por último, ofreceu tamén unha «boa xestión» das arcas municipais os próximos catro anos, fronte á «tea de araña» en que se atopan na actualidade, rematou Porro.

