RUTH VILLAR/ Sendo hoxe o Día das Letras Galegas, os nacionalistas non podían elixir falar doutra cuestión que non fora da riqueza que achega a cultura galega e da defensa do uso do galego. E fixérono desde todo un aceno de identidade, o Casco Vello de Vigo, concretamente, desde a Praza da Constitución.
Precedido polos seus concelleiros de Cultura e Normalización Lingüística, Xesús López e Iolanda Veloso, o candidato do BNG á Alcaldía, Santi Domínguez, pediu á cidadanía que lle vote para evitar que a súa adversaria política do PPdeG, Corina Porro, leve a cultura galega «ao faiado dos monxes».
O nacionalista asegurou que é nese faiado onde estivo Porro os últimos catro anos demostrando, ao seu xuízo, «unha falta total» cara á cultura galega, a toponimia e, en xeral, cara a «todo o que é noso».
«Para todos os que falamos galego cremos que é un tesouro«, subliñou o candidato nacionalista, mentres que insistiu na necesidade de deixar o mellor legado, é dicir, a cultura galega, ás xeracións vindeiras.
Asegurou que o vindeiro domingo os vigueses teñen que facer un exercicio de «activismo da nosa cultura» para non permitir ao PPdeG, con Porro á cabeza, «que acampe nesta cidade«.
Na mesma liña mostráronse os concelleiros de Cultura e Normalización Lingüística. Foi Xesús López o que máis risas suscitou, sobre todo da súa compañeira Veloso, dicindo que a candidata popular estivo tan ocupada estes últimos catro anos «cambiando de despacho» que cando foi a botar man das propostas electorais en materia de cultura «se lle traspapelaron os folios» e colleu o programa electoral de 2007 do BNG.
«Esta muller non se decatou de nada«, sinalou López e lembrou todos os logros do BNG, como a reordenación das coleccións de arte municipais, a apertura da pinacoteca no Casco Vello, a rede de bibliotecas de proximidade ou a apertura do xacemento de Toralla.
Pola súa banda, Iolanda Veloso lamentou que a Porro «esquecéselle» o galego e dixo que a unha alcaldesa hai que pedirlle un «mínimo de formación» e que se aspira a ser alcaldesa de Vigo debería falar en galego.

