Comarcas Cultura

Co manual de instrucións baixo o brazo

Ningún neno chega cun manual de instruccións baixo o brazo, menos cando procede da outra punta do mundo e ten que adaptarse a unha nova familia, un novo fogar, unha nova lingua… en definitiva, cando toda a súa contorna é diferente. Por iso e porque a maternidade e a paternidade non é nunca doada, a Casa da Cultura de Redondela acolle o vindeiro 29 de abril (19:30 horas) a charla ‘A adopción: a responsabilidade dunha familia diferente’, impartida por Nuria Lago e Magdalena Otero, do estudo psicolóxico Paradoxo.

Nos últimos anos a adopción tivo un pulo enorme. Pero é un proceso longo, non exento de dificultades, para o que cómpre prepararse asumindo que a familia adoptiva ten que formarse e prepararse psicolóxicamente para a chegada dun novo membro e que a avaliación para a idoneidade axuda aos solicitantes a descubrir o grao de preparación e coñecemento da realidade da adopción. Ademais, ese tempo de espera considérase imprescindible para a parella, “cumprindo unha función semellante ao embarazo”. Dende este gabinete tamén recomendan que se o motivo de adopción é, por exemplo, a infertilidade, que estén superados todos os duelos antes de tomar a decisión de adoptar.

O menor por riba de todo

En todo este longo proceso o protagonista sempre é o menor que vai ser adoptado, polo que o seu benestar está por riba de todo. E para iso é primordial que os pais poidan consultar todas as súas dúbidas e inquedanzas para poder enfrontar a educación do pequecho “dun xeito sereno e constructivo, libre de medos e de culpas”, aseguran dende o gabinete.

 

También te puede interesar