Galicia

Un mes para erradicar os malos tratos a calquera nivel

A finais de maio estará en marcha e incluído no Plan Integral de Acción para as Persoas con Discapacidade e no Plan Integral de Persoas Maiores. A Xunta está a elaborar un protocolo de actuación coordinada contra o maltrato de persoas maiores en xeral e adultas con discapacidade. A idea e crear novas ferramentas para profesionais de carácter preventivo e que facilite a detección dos posibles casos e a consecuente intervención e atención.

O protocolo, que pretende fixar uns criterios unificados, está a ser consensuado cos servizos sociais dos concellos, de atención primaria e de distintas entidades relacionadas, como Cruz Vermella ou a Fiscalía Superior de Galicia. O protocolo inclúe unha serie de recomendacións para a actuación preventiva que deberá comezar nas tarefas asistenciais que os profesionais dos servizos sociais dos concellos desenvolven de maneira cotiá.

Para a segunda fase, a da detección, o protocolo que está a desenvolver a Consellería de Traballo e Benestar distinguirá entre maltrato no ámbito domiciliario e en centros co obxectivo de facilitar e axilizar a intervención. En ambos casos, farase unha valoración inicial que confirme a sospeita de maltrato para despois estudar se existe situación de risco inmediato. A partir de aquí, planificarase a atención dos diferentes profesionais.

A distinción entre maltrato no ámbito domiciliario e en centros utilizarase para axilizar a intervención, aínda que se personalizará e analizará cada situación de xeito individual. Unha vez que se detecta o caso, iniciarase a terceira fase do protocolo: a atención e intervención nas diferentes situacións. As actuacións que desenvolvan os profesionais terán que estar dirixidas tanto cara as vítimas de maltrato como cara a persoa responsable do mesmo.

A valoración da vítima conterá un exame físico, unha valoración do seu estado cognitivo e emocional e unha valoración social. A valoración á persoa responsable do maltrato incluirá unha análise das características do rol do coidador, a afectación física e psicolóxica do coidador, así como un estudo da relación coa vítima e cos servizos sociais e sanitarios. Por último, haberá unha valoración do entorno no que se analizará a adecuación do domicilio ás necesidades da vítima e a proximidade e acceso aos recursos sociais.

También te puede interesar