Ciencia y Tecnología Galicia

O Campus do Mar fai o seu desembarco europeo

Duvi/ Medio cento de técnicos e representantes da Universidade de Vigo para dar a coñecer en Europa o seu neno máis mimado: o Campus do Mar. Ante a Comisión Europea, Ernesto Penas, director xeral de Asuntos Marítimos e Pesca da Unión Europea, quixo salientar que aínda que o proxecto naceu nunha pequena rexión ten unha dimensión transnacional, multidisciplinar e policéntrica que “integra todas as políticas no ámbito mariño” e pon o énfase no coñecemento, o desenvolvemento e a innovación.

Un proceso de internacionalización extensible a toda a universidade viguesa que fai do Campus do Mar un proxecto fundamental que aúna aos campus de Vigo, Santiago e A Coruña co CSIC, o Instituto Español de Oceanografía e cinco universidades portuguesas. A súa misión, “converterse en dinamizador dunha rede transfronteiriza e integrada de unidades de investigación, docencia e transferencia de coñecemento, que forme aos mellores profesionais e investigadores no ámbito das Ciencias e Tecnoloxías do mar, que xere investigación de calidade e impacto internacional e que proporcione á industria as mellores ferramentas para mellorar a súa competitividade a escala global”, salientou Emilio Fernández, membro do equipo directivo.

En total, 3.101 investigadores, 1.359 doutores, 24 institucións, 10.634 traballos de investigación, 582 teses de doutoramento, 6.402 proxectos de investigación e 274 millóns de euros en contratos de I+D. “Non é un proxecto de infraestruturas senón de cerebros, de talento destacou Fernández, que amosou a súa total confianza no éxito da singradura do Campus do Mar, asegurando que dentro dun par de anos regresarían de seguro a estar alí para falar non dun futuro prometedor senón dunha realidade de éxito.

Foro do Mar

Mentres o Campus do Mar bota a navegar en Bruxelas, Vigo prepara o Foro do Mar, un lugar de encontro o vindeiro 25 de maio no Centro Social Caixanova no que en ata cinco mesas redondas se debaterán as distintas perspectivas do mar como motor económico da Eurorrexión no que o  Campus do Mar terá un oco protagonista. Ademais, como este momento de reflexión e debate sobre as oportunidades de desenvolvemento da economía do mar afecta tanto a Galicia como ao norte de Portugal, o foro terá un irmá xemelgo en Oporto. A Asociación Empresarial de Portugal e a Asociación Océano XXI organizan do 16 ao 19 de xuño a Feira do Mar, un evento aberto á participación de empresarios, comunidade científica e sociedade en xeral para a sensibilidación dos beneficios que se poden obter a partir da explotación sustentable dos recursos mariños.

También te puede interesar