Duvi/ Se a saída ao mercado laboral é inminente, se a realidade chama a túa porta e non sabes moi ben como buscar emprego, a Universidade de Vigo ten a solución aos teus problemas. Os profesores Celso Cancela, Xosé Mahou e Enrique Varela organizan o obradoiro ‘Coñécete e dáte a coñecer aos teus empregadores’, dirixido ao alumnado dos últimos cursos do Grao en Dirección e Xestión Pública para que sexa quen “de venderse para un posto de traballo ademais de coñecer todas as portas ás que poden chamar máis aló da administración pública”, puntualiza Mahou.

Un dos principais obxectivos deste obradoiro é conseguir amosar o grande abano de saídas profesionais que o Grao en Dirección e Xestión Pública ofrece aos seus estudantes. Como explica o profesor Mahou, “téndese a equiparar o sector público á administración pública e non é así, porque o primeiro abrangue o segundo, ademais de outras organizacións que interactúan con ela como fundacións, organizacións non gobernamentais, cooperativas, cámaras de comercio, consultoras, asesorías…”. Ademais de concienciar de todas as saídas laborais, o obradoiro dedica unha sección “a que os alumnos e alumnas aprendan a vender o seu perfil profesional”.

Durante unhas horas profesorado e alumnado afondaron na técnica da entrevista persoal realizando unha simulación na que cada un dos alumnos exerceu de demandante de emprego e o docente de responsable de recursos humanos dunha empresa. “A entrevista persoal é como a última xornada de liga na que debemos plasmar a nosa idoneidade para o posto que estamos demandando”, aclara Civeira. Facilitou unhas pautas transversais como a forma de saudar ou de sentarse e en quendas de dez minutos con cada un dos asistentes, mediu a súa empatía, a súa seguridade, o seu interese “e ata a súa tolerancia ao estrés con preguntas persoais e incómodas, necesarias para comprobar a súa reacción no día a día da empresa”.

También te puede interesar