Destacados Vigo al minuto

A Universidade recluta bebés

Duvi/A piques de aprobarse o Estudo de Detalle para modificar o planeamento e cambiar os usos da parcela e tras o visto bo da Xerencia de Urbanismo de Vigo, a Universidade comeza xa a marcarse prazos para a futura escola infantil do campus de Vigo. Segundo explica o vicerreitor de Economía e Planificación, José Manuel García Vázquez, a previsión é que no mes de setembro “se poida adxudicar a obra” para unha infraestrutura necesaria tanto para a comunidade universitaria como para a contorna do campus. A gardería, de 2.034 metros cadrados construídos e 1655 útiles, ofrecerá un total de 82 prazas para cativos distribuídas en tres grupos (0-1, 1-2 e 2-3 anos).

Situada na zona norte do campus vigués, preto da Facultade de Filoloxía e Tradución, construirase orientada ao sur e constará de dous andares pensados para tender unha ponte entre a natureza e as instalacións, inseríndose nesta zona verde na procura de sinerxías que permitan aos nenos e nenas gozar dunha educación en consonancia cunha contorna privilexia rodeada de natureza. Ademais, este novo servizo permitirá á Universidade de Vigo seguir avanzando no eido da conciliación da vida laboral e familiar dos membros da comunidade, tanto traballadores como alumnado. Así, o 75% das prazas estarán reservadas para eles, mentres que o restante 25% será para os veciños dos núcleos de poboación lindeiros, cunha carencia deste tipo de servizos.

A futura escola infantil viguesa está proxectada como un centro eficiente enerxeticamente, respectuoso co medio ambiente. Para iso ademais da enerxía solar, empregará un sistema de calefacción a través dunha caldeira biomasa, que permite asegurar un nivel de emisións cero.

También te puede interesar