RGPD - Cookies
Deportes Destacados

Os 10 km Cidade Universitaria estrean a Liga de carreiras populares

Duvi/Todos ás súas marcas. A carreira 10 km Cidade Universitaria ultima os preparativos para retomar este domingo 27 de marzo o seu percorrido pola Universidade de Vigo e arredores cun récord de participación: máis de 700 atletas inscritos para participar na que será a primeira proba do Circuíto Cidade de Vigo de Carreiras Populares, que aglutina as oito citas xa consolidadas que se desenvolven na cidade para crear unha sorte de Liga cunha listaxe unificada de participantes, puntuacións e clasificacións xerais.

A contorna e estar ubicado lonxe da cidade é un dos principais reclamos desta proba, tamén inscrita no Circuíto Universitario de Carreiras en Ruta das Universidades de Galicia. O percorrido da carreira será un exemplo de inmersión na natureza e de convivencia entre os deportistas: tres voltas nun trazado de mínimo desnivel que discorre entre vieiros interiores do campus e o acceso á cidade deportiva do Mercantil, aínda que nesta ocasión cambiarase a liña de saída e de meta. “Co novo percorrido o corredor convértese tamén en espectador, xa que permite cruzarse en moitos puntos coa cabeza da carreira ou con compañeiros de adestramento”, explicou Javier Rial, responsable do Servizo de Deportes.

A entrega de dorsais será a partir das 09.30 horas, aínda que a saída da carreira non será ata as 11.30 horas e se estima que a entrega de premios comece sobre as 13 h. Para controlar en todo momento como vai a carreira, os atletas levarán un chip nas súas camisolas que permitirá unha cronometraxe exhaustiva, a actualización permanente das clasificacións e a información continua aos participantes a través da web. A través deste sistema tamén se computarán no rexistro do circuíto os resultados obtidos nas seis carreiras e dúas medio maratóns do circuíto de carreiras populares. 

Os premios, para case todo o mundo. Nun intento porque ninguén volva a casa coas mans valeiras, todos os atletas que tomen a saída recibirán como agasallo unha camiseta técnica conmemorativa. Os tres primeiros clasificados na categoría xeral, feminina e masculina, levarán premios en metálico de 400, 300 e 200 euros, aínda que tamén haberá agasallo para os corredores que rematen nas posicións 100, 200, 300, 400, 500, 600 e 700: un lote de produtos cedidos por Anfaco, un dos patrocinadores. Se todos estes agasallos parecían poucos, ademais durante a entrega de trofeos sortearanse estancias en hoteis rurais, visitas a bodegas ou bonos de spa, entre outros.

 

También te puede interesar