Cultura Destacados

O Campus do Mar terá Consello Reitor en quince días

Universidade e Porto asinaron un acordo para achegar aos investigadores do Campus do Mar todo o tecido empresarial portuario.
Universidade e Porto asinaron un acordo para achegar aos investigadores do Campus do Mar todo o tecido empresarial portuario.

Duvi/ Establecer a folla de ruta e trazar o calendario de traballo para os seguintes meses. Ese será o cometido do Consello Reitor do Campus do Mar, que será nomeado a finais deste mes e que estará composto por representantes dos cinco impulsores do Campus de Excelencia: as tres universidades galegas, o CSIC e o Instituto Español de Oceanografía. Un nomeamento que porá en marcha toda a maquinaria do Campus do Mar, xa que na mesma sesión levaranse a debate na orde do día “moitos puntos sustanciosos”, nomearase ao staff e asignaránselle “traballos directos con prazos marcados”, presentarase a programación para 2011/2012 e “visibilizaremos todo o traballo que levamos meses facendo”. “O modelo de gobernanza que plantexamos é unha das cousas que máis valorou o tribunal internacional para darnos a Excelencia, xa que busca organizar de xeito eficiente a todos os actores que participan”, subliñou Salustiano Mato, reitor da Universidade de Vigo e encargado de presidir o Consello Reitor.

Este órgano de xestión será o encargado de tomar as decisións executivas principais e terá que rendirlle contas a un plenario que integrará a todos os socios adheridos ao Campus do Mar, como centros tecnolóxicos, clusters ou Porto de Vigo. Precisamente a Autoridade Portuaria é un dos actores principais “do desenvolvemento efectivo desta fábrica de solucións que é a agrupación estratéxica de I+D do Campus do Mar, no que xa hai 4000 investigadores”. Por iso, tras meses de traballo, Porto e Universidade de Vigo asinaron hoxe un convenio marco que sirva de paraugas para debuxar un panorama con actividades concretas, algunas encamiñadas á busca de financiamento. “O Porto é unha peza estratéxica á que o Campus do Mar debe dirixir moitos dos seus esforzos e debe facelo harmonizando, focalizando algúns temas en función da demanda e da necesidade do seu tecido empresarial”, recalcou Mato.

Un acordo no que se irán introducindo accións a medida que o Consello Reitor vaia marcando obxectivos, pero que parte cunha ampla liña de traballo e cun ambicioso obxectivo: manter ao Campus do Mar e ao Porto como referentes en materia de investigación, innovación e sostibilidade. “O Porto vigués é un dos maiores centros loxísticos e empresariais de Europa e queremos seguir ese camiño da man da Universidade, establecendo unha canle de comunicación continua co sector portuario e buscando sinerxias e intereses comúns, que temos moitos”, ratificou Corina Porro, presidenta da Autoridade Portuaria, trala sinatura do convenio. Un comité de seguimento composto por catro persoas se reunirá de xeito cuadrimestral para velar por que se cumpran os obxectivos marcados.

También te puede interesar