Ciencia y Tecnología Destacados

Os robots toman o campus

Duvi/ A firme aposta da Universidade pola robótica non é novidade. Para exemplo, un botón: Bellbot, mozo de hotel en prácticas en Valladolid. Por iso, co obxectivo prioritario de seguir formando en “alta tecnoloxía” e en “innovación tecnolóxica”, a Universidade de Vigo asinou un convenio de colaboración coa empresa Kuka Robots Ibérica polo que ambas partes traballarán de forma conxunta en temas de formación e mobilidade, tanto de profesorado como de alumnado, e grazas ao que se creará a Aula Kuka, un laboratorio no que se instalará un robot industrial e varias licenzas de software relacionado con robótica que a empresa se compromete a actualizar anualmente e que se ven a sumar a outras aulas como a Siemens ou a Schneider Electric.

Gustavo Moscardó, responsable en España de Kuka, foi o encargado de rubricar o acordo por parte da empresa. “Estamos convencidos de que non hai outra forma para saír da crise que non sexa apostar en formación, formación e formación”, subliñou ao tempo que recalcou a idea de que a mellor forma que teñen as empresas de competir é apostando pola I+D+i e, “neste camiño é fundamental que os nosos enxeñeiros coñezan ben todo o que se está a mover no eido da automatización industrial e da robótica”.

A empresa comprométese co acordo a ofrecer anualmente formación gratuíta para o profesorado nas tecnoloxías e produtos comercializados pola empresa. Ademais, a Universidade poderá programar anualmente cursos de formación para que o alumnado poida tamén pórse ao día nas últimas tecnoloxías que esta empresa poña no mercado.

O acordo asinado hoxe permitirá tamén que os alumnos e alumnas interesados en realizar os seus proxectos fin de carreira no ámbito da robótica e automatización industrial poidan contar co amparo desta firma “e mesmo realizar prácticas con nós tanto aquí en España como mesmo en Alemaña”, subliñou Moscardó.

También te puede interesar