Comarcas

Cambio de prioridades para mellorar o tráfico no cruce do convento de Vilavella

O Partido Popular de Redondela pon atención nalgúns puntos conflitivos onde o tráfico está a ser un grave problema, “que repercute de maneira moi negativa na contorna e fai que se xere o caos e molestias para condutores e viandantes a diario”, explica Javier Bas, presidente da Xestora do PP local e candidato á Alcaldía.

Os populares apuntan á zona do cruce do convento de Vilavella como unha das máis conflitivas. “Neste punto é preciso a reordenación do tráfico no sentido de que non é normal que os vehículos que entren e saian do núcleo urbano teñan que ceder o paso aos que suban e baixen  pola estrada  situada detrás do convento”, asegura. O lóxico segundo o PP local é que a prioridade neste cruce sexa para os vehículos que entran e saen de Redondela en dirección a Porriño e Vigo. “É preciso que o Goberno local realice este cambio e reordene as preferencias para solucionar o problema dos atascos e conseguir que o tráfico flúa sen tanta interrupción”, asegura Bas.

Ademais, nesta mesma zona existe outro grave problema, manifestado xa por todos os residentes, que afecta aos peóns: “case non hai por onde cruzar, converténdose este nu nunha zona moi complexa e perigosa para persoas con mobilidade reducida, maiores e nenos”. Deste xeito, o PP insta ao Concello á construción de máis beirarrúas e creación de novos pasos de peóns, “ben sinalizados e que garanten a seguridade para cruzar con tranquilidade”.

Máis irregularidades no tráfico

Os populares constatan tamén a existencia de problemas na zona da subida á estación, no cruce coa estrada nacional, onde hai unha parcela sen acondicionar que está sendo empregada por ducias de vehículos diariamente como aparcamento, e que non está nin sinalizado nin minimamente acondicionado para tal fin. A maiores, algúns destes vehículos ao saír acceden á estrada nacional  circulando uns metros en dirección prohibida, facendo xiros tamén prohibidos, “e todo porque non existe sinalización algunha que impida estas manobras”. Neste sentido, dende o PP solicitan o estudio deste problema “dándolle unha solución de inmediato polo ben e a seguridade de todos, colocando as sinais pertinentes para a correcta circulación”.

También te puede interesar