Ciencia y Tecnología Vigo al minuto

Enxeñeiros da UVigo queren pór de moda as ‘junior empresas’

Duvi/ 50 socios de entre 20 e 23 anos, maioritariamente estudantes de enxeñaría do campus de Vigo que buscan outras inquietudes máis alá do ámbito puramente académico. Así se define Engranaxe, unha asociación estudantil que naceu hai pouco máis dun ano e que ten como principal obxectivo conseguir un vínculo permanente entre o alumnado, sobre todo do ámbito das enxeñarías, e o mundo laboral.

Comezaron hai pouco máis dun ano “cheos de ilusión e con moitísimas gañas de traballar” subliña o presidente da asociación, Manuel Silveira, alumno de 4º de Enxeñaría Industrial. “A idea xurdiu pensando en facer cousas que a título individual eran imposible de organizar”, engade en relación a unha das principais finalidades da agrupación: organizar todo tipo de actividades ás que o alumnado lles poida sacar proveito, tanto de carácter profesional como tamén lúdicas.

Visitas a industrias e compañías para coñecer de preto como traballan, conferencias, seminarios, xornadas… “pero tamén excursións lúdicas”, subliña José Luis Mandayo, vicepresidente da asociación, que fai fincapé na importancia que ten “coñecer a outros estudantes que, aínda que estudan no mesmo campus ca ti, a maioría nin os coñeces, máis alá daqueles que comparten clase contigo”. Neste ‘mans á obra’ están a preparar unha base de datos cos currículos de todas as persoas interesadas en facer prácticas:“O noso obxectivo é crear unha base con arredor de 500 currículos de futuros enxeñeiros, non só socios senón de calquera alumno ou alumna das enxeñarías”, subliña Silveira.

Obxectivo: ser ‘junior empresa’

“Estamos a contactar con moitas empresas, para que nos coñezan e haxa relación”, engade Mandayo, que subliña que teñen en mente crear unha ‘junior empresa’, “algo que noutros lugares ten xa moita consideración”, subliña Silveira, que explica que se trata dunha asociación xuvenil sen ánimo de lucro, formada e dirixida por estudantes cuxo obxectivo prioritario é complementar a formación teórica e práctica que van adquirindo os estudantes, contactando o mundo empresarial e profesional antes de concluír os seus estudos.

También te puede interesar