RGPD - Cookies
Cultura Galicia

Dignidade feminina que pon voz á memoria histórica

Duvi/ Loita, resistencia, resignación por momentos, superación e sempre dignidade, a dignidade da rabia de todas aquelas mulleres, anónimas ou públicas, que tiveron que enfrontarse a un dos episodios máis escuros da historia, a represión da posguerra e da ditadura franquista. Políticas, sindicalistas, traballadoras, esposas, fillas pero sobre todo mulleres, mulleres que, polo mero feito de selo, sufriron unha dobre represión, a ideolóxica e a machista. A través de 17 delas, o documental ‘Digna rabia’ pretende poñerlle voz a outras moitas que converteron a súa rabia na súa propia dignidade. As súas testemuñas foron recollidas neste proxecto conxunto da Universidade de Vigo e a Asociación Memoria Histórica do 36 de Ponteareas da man dos profesores da Facultade de Filoloxía e Tradución, Ángel Rodríguez Gallardo e M. Victoria Martins.

O documento recolle as vivencias de mulleres de tres xeracións nun proxecto financiado polo Ministerio de Presidencia que lle dá oportunidade aos docentes de materializar a súa idea de afondar no perfil feminino da represión franquista, “unha vertente case inexplorada” que converte a este documental nun pioneiro dentro do panorama audiovisual español. Segundo explica Rodríguez Gallardo, en formato de entrevistas “son as mulleres as que dialogan, con inquietudes compartidas, e as que se van dando paso unhas a outras”, un diálogo coral de 67 minutos. Anónimas algunhas e pertencentes a vida pública outras, como a única alcaldesa de Galicia na República, a ex-conselleira Manuela López Besteiro ou a sindicalista Lidia Senra, todas elas reflexionan dende as súas vivencias nun exercicio de memoria e de recuperación do perdido, pero coa vista sempre posta no que resta por andar no camiño da igualdade.

Os autores do documental.
Os autores do documental.

Tres xeracións, tres memorias

Segundo explican os investigadores, as protagonistas pertencen a tres xeracións diferentes, algunhas delas xa falecidas, viviron en primeira persoa a Guerra Civil e a máis crúa represión; outras naceron, creceron e viviron boa parte da súa vida nun franquismo que as condicionou en todos os aspectos e outra que forneceu os alicerces do feminismo e da militancia política a partir dos anos 60.

As máis maiores sufriron o franquismo nas cárceres, nunhas condicións incluso máis pésimas cas dos homes, outras dende fóra, á espera de irmáns, maridos, pais… outras simplemente condenadas socialmente por defender uns valores de liberdade e igualdade entre xéneros que non tiñan acubillo no nacional-catolicismo. Pero tras elas viñeron novas xeracións comprometidas e reivindicativas que rexeitaban “o papel de ama de casa ao que foran relegadas as súas nais e avoas”, explica Gallardo. Pero todas elas coinciden en que non se ten chegado ao final do camiño, aínda que si moito andado, e laméntanse de dobres morais entre colectivos, sindicatos e partidos de esquerdas que, a pesar dos discursos progresistas e das leis de igualdade, seguen tendo unha forte compoñente machistas no seu seo. Recoñecen os autores que esa visión crítica, “que fai innovador este documental”, causa tamén malestar entre algúns homes “que se senten incómodos ante a denuncia da desigualdade persistente”.

Esta peza documental estréase nas próximas datas coincidindo cos diversos actos do Dia Internacional da Muller e dentro do programa de actividades que neste sentido ten organizado a Universidade de Vigo. O primeiro campus no que se proxectará a cinta será o de Vigo, o vindeiro 21 de marzo ás 12.00 horas na Facultade de Filoloxía e Tradución coa presenza para un debate de Lidia Senra e Penchas Santasmarina.

También te puede interesar