Cultura Destacados

Dous mil e un poemas ao ar para homenaxear a Cunqueiro

Noemí Rey/Duvi/ Era profundamente galego e, por iso mesmo, universal. Álvaro Cunqueiro, unha figura fundamental no desenvolvemento xornalístico e literario de Galicia, está de dobre aniversario este ano: en decembro o lucense cumpriría un século de vida e o vindeiro 28 de febreiro conmemóranse trinta anos dende o seu pasamento. Dúas datas nas que a Universidade de Vigo e o Concello da cidade “que levaba na alma” queren facerlle o mellor agasallo posible: unha semana de homenaxes para recordar a importancia do escritor na simboloxía da comunidade galega “e na forma de entender este territorio”. “É o autor galego máis versátil, prolífico e fantástico que deron as nosas letras. Para nós é un pracer pero tamén unha obriga rendirlle honra”, asegurou Salustiano Mato, reitor da Universidade de Vigo.

Para axudar a que a súa obra perdure na memoria dos galegos, dende hoxe a Praza da Constitución acollerá un tendedeiro no que en lugar de roupa o que pendurará das pinzas son 2000 láminas con poemas de Cunqueiro traducidos a 15 idiomas distintos que os cidadáns poderán coller e levar para casa de xeito gratuito. As traducións, do máis curiosas: a romaní, árabe, bereber… “Algunhas son bastante exóticas e din moito do noso estudantado de Tradución, capaz de moverse entre linguas vivas e non tan vivas, porque négome a chamalas mortas”, subliñou Mato.

Precisamente a Universidade é o caldo de cultivo de varios grupos de investigación vencellados á figura de Cunqueiro, que xa teñen catalogados os máis de 2000 artigos xornalísticos escritos co seu nome e baixo pseudónimo no Faro de Vigo, do que foi director, ou que traduciron os seus 800 poemas a 40 linguas distintas. En 2006, coincidindo co 25 cabodano da morte do escritor, a Universidade de Vigo “foi a única institución” que fixo unha conmemoración trasladando algúns dos poemas do autor a 17 idiomas de toda a península “falados agora e no pasado”. “É un xeito de recoñecer o traballo de Cunqueiro, de que a xente relea ao autor máis exhuberante da nosa literatura, sempre divertido, escribindo con humor e ironía”, recordou Xosé Henrique Costas, vicerreitor de Extensión Universitaria.

Rememorando o papel de Cunqueiro

Sintetizar, simbolizar e pór en relevo o papel de Álvaro Cunqueiro será o eixo central do acto máis representativo da homenaxe ao escritor lucense. Un relatorio no Centro Social Novacaixagalicia (19.00 h) no que participarán Ceferino de Blas, conselleiro e ex director xeral de Faro de Vigo, e Ramón Villares, presidente do Consello Galego da Cultura, dará o pistoletazo de saída a unha xornada na que Cunqueiro será o nome máis pronunciado. Ao rematar estudantes da Escola de Arte Dramático de Vigo farán unha versión dramatizada de ‘Xan, o bo conspirador’, mentres que Luis Emilio Batallán musicalizará poemas do escritor, nacido en Mondoñedo pero que vivíu durante décadas na cidade viguesa “á que estaba intimamente ligado. Por iso é un orgullo formar parte desta sentida conmemoración”, recalcou Abel Caballero, alcalde de Vigo.

Toda homenaxe é pouca para un escritor que, como ben reza o seu epitafio no cemiterio de Mondoñedo, coa súa obra fixo que Galicia durase mil primaveras máis.

You may also like