O Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia convoca por sexto ano consecutivo as “Xornadas formativas para guías e informadores turísticos sobre o Parque Nacional”. O prazo de inscrición abriuse o pasado luns, 14 de febreiro de 2011, até o vindeiro 28 de febreiro. De carácter gratuíto, estas sesións van dirixidas a técnicos, informadores e guías turísticos que desexen coñecer os valores naturais e culturais do único Parque Nacional galego, co obxecto de difundir dita información coa máxima precisión posible.
Estas xornadas pretenden, tamén, promover unha visión integral da rede de espazos naturais galegos transmitindo aos participantes a necesidade de conservación e protección dos valores do Parque Nacional en particular e dos espazos naturais protexidos en xeral, e a importancia da súa labor na transmisión de ditas premisas aos visitantes destes ecosistemas.
Estas sesións, que terán lugar o vindeiro 11 e 12 de marzo en Vigo, estarán compostas por unha parte teórica na que se analizará a situación, composición, normativa e xestión do Parque Nacional; así como recursos e materiais de apoio para a mellora da información deste espazo en concreto e, en xeral, dos outros seis parques naturais galegos.
Esta parte teórica completarase cunha visita a un dos arquipélagos do Parque Nacional, co obxecto de contrastar de xeito práctico e participativo os contidos tratados na xornada anterior. Ao final deste curso, os participantes recibirán un certificado oficial de asistencia.