Cultura Destacados

A oferta de Merkel dispara o interese polo alemán

Duvi/Danken Sie Ihnen Kanzler Merkel. Gracias canciller Merkel é o primeiro que aprenderán a dicir os 60 matriculados no curso de alemán do Centro de Linguas, que tivo que ampliar o seu período de inscrición debido á alta demanda en idiomas como o xermano ou o inglés. No caso do alemán outras 18 persoas quedaron en lista de espera oficial, xa que “chegou un momento no que xa non aceptamos nin que se anotaran porque non era viable crear máis grupos neste cuadrimestre”, explica Ángela Deza, auxiliar do Centro de Linguas. Un gran cambio, tendo en conta que outros anos había como máximo 20 estudantes. Coa cifra de matriculados aínda por pechar, de momento máis de 750 persoas pasarán este cuadrimestre polas aulas deste centro, “un número moi superior a anos anteriores”, asegura a súa directora, Dolores González.

O interese que espertou o alemán despois do anuncio de Angela Merkel de que buscaba traballadores españois cualificados é tal que incluso noutras institucións xa fixeron propostas de colaboración co Centro de Linguas. O Conservatorio Superior de Música solicitou crear grupos específicos de alemán, inglés ou incluso de español para estranxeiros para o seu alumnado. “Hai disposición de traballar xuntos, aínda que non sabemos datas. A intención é facer algo a finais deste cuadrimestre ou como moi tarde durante o verán”, subliña González. Tamén colaborarán coas plataformas de emprego para promocionar os cursos de idiomas fóra da comunidade universitaria nun momento no que “en moitos traballos piden inglés e alemán como requisito”, recalca.

Máis de 200 matriculados en inglés

O rei de todas as linguas segue sendo o inglés, aínda que nesta ocasión tivo máis éxito do acostumado. Con 205 matriculados máis 20 pendentes de confirmar nos cursos de aprendizaxe e outros 90 nos de conversa, o número de grupos chegou a duplicarse. “Só para practicar o idioma en Vigo creáronse cinco grupos cando os anos con máis matriculados había como moito tres”, recorda Ángela Deza. Outro dos idiomas máis numerosos é o de español para estranxeiros, que polo momento conta con 114 persoas aínda que se espera pechar con máis de 150 xa que o prazo non rematou e son moitos os estudantes de intercambio que se están a anotar.

Aos 78 interesados en alemán séguelle o portugués, con 50 inscritos e a admisión de novos alumnos a prazo cerrado. Por detrás xa o francés, con 23 e 5 pendentes de matriculación máis os 10 estudantes que participarán nos cursos de conversa; a lingua de signos, con 23 persoas; e o chino, con 13 anotados cando normalmente non chega a realizarse. Os outros idiomas ofertados (italiano, catalán, xaponés, árabe e ruso) non conseguiron o número suficiente de matriculados para crear grupos.

También te puede interesar