Duvi/ Unha canle bidireccional de ‘cerebros’. Niso converteuse Alemaña, o país que máis novos estudantes estranxeiros achega á Universidade de Vigo, desbancando orixes tradicionais como Italia e Polonia. Este cuadrimestre pasarán polas aulas dos tres campus 169 novos matriculados internacionais que se veñen a sumar aos 200 que tiveron a súa estadía a principios de curso e aos 158 que permanecen todo o ano. En total, 527 estudantes dos que case o 80% veñen cunha bolsa Erasmus nalgunha das súas catro modalidades e que cursan estudos sobre todo en Filoloxía e Tradución (46,8%) e en Ciencias Económicas e Empresariais (18,3%).
O acto de benvida en Vigo “a unha universidade nova, emprendedora e moi activa” estivo cargado de información. Por diante dos novos matriculados desfilaron representantes de distintas áreas para facer un repaso polas ofertas formativas, deportivas e de lecer. Entre os retos propostos para estes catro meses é que percorran cada recuncho da universidade e fano cun xogo: dar unha volta polas instalacións do campus e a cambio terán un agasallo. En forma de pasaporte, editado en galego e castelán, o alumnado terá que ir visitando sete lugares onde se lles porá un selo. Unha vez conseguidos todos, toca pasar pola ORI e recoller o premio, que variará dependendo de canto se tarde en completar o reto.
Por que Vigo?
Paisaxe, praias e mar seguen sendo un dos atractivos para o alumnado de fóra, que se achega a Vigo como unha porta aberta a Galicia e a “moitos lugares interesantes que coñecer”, como asegura Maria, unha estudante polaca de Economía. “Parécese moito a Irlanda: chuvioso, frío…”, recoñece Jonathan. Unha “beleza e unha xente” que fai que os Erasmus que xa pasaron pola Universidade de Vigo recomenden o destino aos seus amigos, como lle ocorreu a Anna, que vén dende Polonia para cursar Filoloxía Inglesa e non descarta quedarse tamén parte do verán na cidade.
Pero un dos principais motivos que atrae aos estudantes estranxeiros, sobre todo cando veñen pensando en perfeccionar o idioma, é a claridade coa que falan os galegos. “Aquí o acento é máis puro. Xa estivera traballando en Madrid e en Inglaterra tiña unha titora que nacera en Vigo, así que non tiven dúbidas sobre a universidade que escoller. Ademais, aquí non hai moitos turistas”, conta Melissa, que chega dende o Reino Unido. É o mesmo que lle ocorre a David, escocés e estudante de Linguas Modernas, que leva dous anos aprendendo español e que tamén tivo en conta “como estaba estruturada” a Universidade para escollela.