Galicia

O rural podería gañar 13 millóns ao ano renegociando a porcentaxe por facturación

Apenas levan un 1,5% do pastel, cando noutras zonas de España coma Canarias o reparto chega ata o 6%. En caso de conseguir esta porcentaxe do negocio o rural galego podería embolsar 13 millóns de euros ao ano sen ter que pór en perigo o negocio eólico. Para acabar co desequilibrio nas negociacións do aluguer entre os grandes promotores e os propietarios dos montes é o motivo polo que xurde ‘Guía para os propietarios de terreos eólicos’ do profesor da Universidade de Vigo Xavier Simón, unha ferramenta coa que se pretende achegar aos cidadáns “consellos e boas prácticas” para competir en igualdade de condicións e rematar cos alugueres nos que non se actualiza nin sequera o IPC. “É mellor un mal acordo que unha boa expropiación”, recordou Simón, que denunciou a necesidade de que os terreos nos que se vaian instalar parques eólicos deixen de considerarse como chan rústico e conten con algún tipo de plusvalía.

Un reparto considerado por estes expertos como unha inxustiza apoiada en datos contundentes: aínda que no 2006 os 130 parques eólico de Galicia facturaron 650 millóns de euros, soamente o 1,2% das rendas tiveron como destino o mundo rural. “Os promotores poden pagar ata tres ou catro veces máis por colocar os seus xeradores nos terreos de persoas que non teñen nin forza nin medios suficientes para plantarlle cara ás empresas”, asegurou. A guía convértese nun libro de cabeceira coa que poder botar unha man a propietarios que se teñen o vento enriba é como se tiveran petróleo debaixo.

También te puede interesar