Ciencia y Tecnología Destacados

O corazón artificial do futuro ten palpitar vigués

Alejandro Santos, tras a presentación do proxecto.
Alejandro Santos, tras a presentación do proxecto.

D. Besadío/Duvi/ Para moitas persoas un corazón totalmente artificial constitúe a única terapia alternativa, de aí a importancia de seguir avanzando na procura de novos deseños e conceptos que fagan estes dispositivos máis autónomos e portables. Ao abeiro das múltiples investigacións que se están a levar a cabo nesta liña o estudante vigués Alejandro Santos acaba de presentar os resultados dunha investigación coa que conseguiu “reducir máis dun 26% o peso do prototipo”, un dos obxectivos básicos do coñecido como corazón do futuro.

Foron sete meses de intenso traballo, pero poucas veces un estudante ten a oportunidade de realizar o seu proxecto fin de carreira ao abeiro dun traballo de investigación destas dimensións. Santos, alumno da ETS de Enxeñeiros Industriais estivo o ano pasado na RWTH Aachen University de Alemaña traballando neste proxecto, unha dedicación que lle valeu un “sobresaínte” para o seu Proxecto Fin de Carreira e unha “vocación”, xa que, titulado en Enxeñaría Industrial, na especialidade en Instalacións e Construcións, non descarta dedicar o seu futuro laboral á enxeñaría biomédica.

Estudos de campo con animais

Este traballo forma parte dunha colaboración da Universidade de Vigo coa RWTH Aachen University, responsable, xunto con outras institución alemás, da creación do novo corazón artificial que reducirá o tamaño dos dispositivos actuais, mellorando as súas prestacións e aumentando a duración dos mesmos. Deste tipo de corazón estanse a construír prototipos e levando a cabo validacións tanto en banco de probas como en estudos de campo con animais vivos, se ben os primeiros resultaron demasiado pesados para a súa implantación en persoas.

A solución pasaba por lograr un deseño máis lixeiro, reducindo o peso e as dimensións do accionamento, pero tendo en conta que a redución de volume do mesmo estaría limitado polo aumento das perdas eléctricas máximas admisibles “que, previsiblemente, aumentarían na medida en que o novo deseño reducise o seu tamaño”. Para superar estas dificultades Santos botou man dunha técnica innovadora de optimización: a xeración dun número moi elevado de deseños diferentes, xerados aleatoriamente mediante computadora, os cales evolucionan cara á “solución óptima” a través da comparación entre todas as variantes consideradas. Finalmente, os resultados acadados cumpriron os obxectivos establecidos, reducindo máis dun 26% o peso do prototipo e respectando en todo momento o límite de perdas admisibles. “Conseguimos que o dispositivo se quedase en 459, 88 gr. o que é todo un avance”.

También te puede interesar