Deportes Galicia

O deporte non está reñido co saber

Duvi/ Gañan campionatos mundiais, baten récords, lideran etapas… Son deportistas de elite e tamén estudantes universitarios. Os triatletas Javier Gómez Noya e Estefanía Domínguez; o ciclista Serafín Martínez; o atleta Gustavo Nieves; e o taekwondista Fernando Rascado son un exemplo de mérito e capacidade en tempos da xeración ni-ni. Esa dobre vida na que compatibilizan o deporte profesional con cadansúa carreira universitaria, foilles hoxe recoñecida pola Universidade de Vigo, na que estudan Ciencias da Actividade Física e do Deporte no caso de Javier e Estefanía; Enxeñaría de Minas no de Gustavo; Administración de Empresas no de Serafín e Publicidade e Relacións Públicas no de Fernando.

“A vida dun deportista é breve ”, asegura Serafín Martínez “e salvo no caso dos futbolistas non gañas os suficientes cartos como para permitirte o luxo de non volver traballar. Así que hai que estudar para ter un futuro profesional”. Unha reflexión compartida por Fernando Rascado que afirma ter claro que “non vou poder vivir do deporte sempre”, e tamén polo resto de deportistas que coinciden en sinalar o complicado que lles resulta compaxinar o deporte profesional cos estudos “aínda que sempre tes o apoio da Universidade intentando facilitarche as cousas”, segundo Javier Gómez Noya. No caso de Estefanía Domínguez foi precisamente este respaldo o que lle fixo deixar Estremadura por Vigo “porque aquí o apoio aos que compaxinamos estudos e deporte profesional é moito maior. Na miña terra non temos tantas oportunidades”, explica. Estes rapaces “son un antídoto fronte á decadencia e os vicios do estado do benestar e un antídoto para fabricar o futuro”, explicou o reitor Salustiano Mato.

También te puede interesar