Vigo al minuto

Rusia tamén se interesa polo Campus do Mar

O embaixador ruso visitou co campus de Ourense.
O embaixador ruso visitou co campus de Ourense.

Duvi/ A Universidade de Vigo, no seu proceso de internacionalización, está a abrir novas canles de colaboración con outros países. Nesta ocasión, o protagonista é a Federación Rusa, cuxo embaixador en España, Alexander Igorovich Kuznetsov, visitou o Centro de Investigación, Transferencia e Innovación (CITI), onde foi recibido pola vicerreitora de Investigación e Transferencia, Mª Victoria Jato. No transcurso da súa visita ao centro, a vicerreitora presentoulle ao embaixador as principais liñas e proxectos de investigación da Universidade, entre eles e de modo destacado todos os relacionados co Campus do Mar. Un proxecto sobre o que Igorovich manifestou o seu interese ao tratarse dun ámbito de coñecemento de especial relevancia no seu país, o máis extenso do mundo, cunha superficie de 17.075.400 quilómetros cadrados e máis de 140 millóns de habitantes.

O reforzo na colaboración internacional no ámbito universitario foi outra das cuestións que a vicerreitora de Investigacion e Transferencia, María Victoria Jato, lle transmitiu ao embaixador da Federación Rusa. Nesta liña, salientou, que a Universidade de Vigo proximamente asinará “un convenio de colaboración coa Universidade Estatal de Economía e Finanzas de San Petersburgo, co obxectivo de incrementar o intercambio de alumnado e a colaboración docente e investigadora”. Igorovich amosou o seu interese nesta iniciativa e en incrementar as “relacións directas entre as universidades, xa que é o modelo que mellor funciona” e cualificou a visita realizada como “moi interesante” polos aspectos abordados sobre innovación e a relación entre a universidade e a empresa.

Para afondar na colaboración entre universidades dos dous países, Alexander Igorovich apuntou que o ano que vén se celebra o Ano de Rusia en España e viceversa, o Ano de España en Rusia, celebracións que se aproveitarán para incentivar as relacións nos diferentes ámbitos entre os dous países, entre eles a colaboración universitaria.

También te puede interesar