Destacados Vigo al día

Os rapaces descobren os segredos de Toralla

Preto de 250 nenos pasarán esta semana pola ECIMAT.
Preto de 250 nenos pasarán esta semana pola ECIMAT.

Duvi/ Non hai animal acuático nas inmediacións da illa de Toralla que hoxe non se sentira observado. Uns 50 estudantes de 5º de Educación Primaria do Colexio Compañía de María de Vigo estrearon as xornadas divulgativas ‘A biodiversidade: un mar de formas e cores na illa de Toralla’, cinco días nos que os rapaces poderán ver, palpar e investigar as formas e cores que adoptan os organismos que viven no mar durante obradoiros de catro horas nos que terán que percorrer as inmediacións da illa e traballar nos laboratorios da Estación de Ciencias Mariñas de Toralla.

Co tempo a favor, os monitores aproveitan a marea baixa para levar ao alumnado a dar un paseo pola zona rochosa e de area dos arredores de Toralla e ensinarlles en vivo e en directo “como se adaptan os animais a vivir nas rochas, na area ou nas charcas de marea que quedan na zona”, explica Enrique Poza, director técnico da ECIMAT, que organiza as xornadas divulgativas xunto coa Unidade de Cultura Científica. Un dos obxectivos durante o percorrido é recoller mostras que logo se estudan en dúas quendas no laboratorio da Estación: mentres uns visualizan un documental sobre as particularidades da zona, outros sorpréndense coa exposición dos acuarios dos que dispoñen con animais vivos aos que axudan a dar de comer.

Os que máis éxito tiveron foron o polbo e os rodaballos e a súa capacidade para camuflarse coa contorna. “Levamos aos nenos e nenas ao tanque no que temos os rodaballos e pedímoslles que nos digan cantos ven. Sempre din 4 ou 5 e cando removemos a area e ven que saen 20 xuntos sorpréndelles moito”, recoñece Poza. Moi “satisfactorio” para estudantes e docentes, o ECIMAT acollerá ao longo desta semana a 5 colexios e a preto de 250 alumnos e alumnas.

Unhas xornadas basadas este ano na biodiversidade e ideadas a partir das características especiais de Toralla “con varios ambientes mariños xuntos”: un rochoso e exposto á ondanada, un de area resgardada e unha canle “de pouca profundidade onde está a ponte cun fondo de pedras soltas e que conta cunha biodiversidade moi alta”, recorda Poza. Todo un paraíso á disposición dos estudantes de primaria durante esta semana.

También te puede interesar