Ciencia y Tecnología Galicia

O FBI interésase pola tecnoloxía galega

Duvi/ A efectividade e precisión da ferramenta de detección de arquivos pedófilos en internet, VICUS, despertou xa o interese FBI. Este sistema, elaborado polo Grupo de Tecnoloxías da Información da Universidade de Vigo en colaboración coa Garda Civil e Gradiant, estreouse no mes de setembro na Operación Telémaco que permitiu a detención de 13 persoas e a imputación de outras 6 en todo o territorio nacional.

Trátase dun sistema con dúas vantaxes claras fronte aos seus antecesores, “a facilidade do seu uso, que non require de coñecementos específicos de informática” e a eliminación e falsos positivos. Para o Equipo de Investigación Tecnolóxica da Garda Civil, “a criminalización social destes delitos é moi elevada”, polo que é de vital importancia reducir a marxe de erro. Para isto, VICUS filtra aos usuarios que teñan no seu poder un mínimo de 15 arquivos de contido pedófilo e os intercambien en redes peer-to-peer, P2P.  A ferramenta permite ademais a busca e localización a nivel mundial, aínda que a Garda Civil só pode actuar no caso de usuarios españois. De aí xorde o interese o FBI, ao que os investigadores puxeron en coñecemento dos datos obtidos relativos a EEUU.

Dous anos de traballo

Tras dous anos de traballo conxunto entre o grupo GTI da Universidade e o Equipo de Investigación Tecnolóxica da Garda Civil de Pontevedra, EDITE, coa posterior incorporación do Centro Tecnolóxico de Telecomunicacións de Galicia, Gradiant, VICUS estreouse oficialmente en setembro na Operación Telémaco. Segundo Gonzalo Sotelo, dos arredor 43.000 usuarios de todo o mundo analizados, 1185 “compartían polo menos 15 arquivos de contido pedófilo, 49 deles en España”. A investigación serviu tamén para localizar gran cantidade de cámaras fotográficas e de vídeo, teleobxectivos, discos duros, etc. pendentes de estudo e análise forense.

Tras unha nova operación levada a cabo en Badaxoz, son xa 20 os detidos e 13 os imputados. Con todo, Torres explica que as investigacións se poñen en marcha en base aos contidos que a Garda Civil ten detectados grazas ás denuncias de usuarios que os descargan por erro. A partir desta base de datos, estúdanse os movementos de intercambio localizando novos usuarios e esta base crece a medida que os cidadáns denuncian este tipo de contidos “e recibimos denuncias todos os días”. VICUS vén a mellorar así a ferramenta empregada ara agora polo instituto armado e prevese unha nova operación que se desenvolverá dende Madrid, cidade na que se ubicou a plataforma, na Unidade Técnica de Policía Xudicial da capital.

No proceso de deseño do sistema tomaron parte xunto con Juan Carlos Burguilo, o profesor Enrique Costa, experto en redes P2P, e a enxeñeira do proxecto, María José Bellas, que participou na fase de desenvolvemento e na posterior supervisión e seguimento do sistema na Unidade de Delitos Telemáticos de Madrid. Costa explicaba que a “mellora das prestacións fronte a outros sistemas” é ostensible, captando datos de todo o mundo e permitindo que o seu uso sexa extensible a outras redes P2P e á localización doutro tipo de contidos ilegais.

También te puede interesar